Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG convoca concentracións nos centros contra os recortes e a política de imposición de Educación

Nota de prensa

Convocadas concentracións nos centros, ás que se convida a participar ás ANPAS, o 15 de decembro

A CIG ENSINO anima a seguir mobilizándose contra os recortes no ensino e a política de imposición da Consellaría de Educación

Ribadeo, 13 de decembro de 2011.- A CIG-Ensino, xunto coas outras organizacións sindicais da área de educación, acordamos seguir coas mobilizacións en contra do incremento do horario lectivo e contra os recortes que está a sufrir o ensino público en Galiza. Estas mobilizacións veñen provocadas pola actitude inmobilista da consellaría, que non só adopta medidas de forma unilateral, senón que ademais se nega a abrir calquera proceso de negociación, poñendo de manifesto o seu talante antidemocrático.

Próximas mobilizacións: concentracións o día 15 de decembro

Entre as mobilizacións previstas están as de manter pancartas reivindicativas nos centros; aprobar nas Xuntas de Persoal unha proposta de resolución exixindo a retirada da orde e realizar concentracións en todos os centros educativos o xoves día 15, ás que convidan a participar ás ANPAS. As concentracións faranse, de ser posible, ao inicio da xornada escolar ou no recreo, aínda que o horario das concentracións dependerá de cada centro.

En contra da política de recortes no ensino público

Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino na Mariña, lembrou ademais que os recortes e o incremento do horario lectivo, xunto coa imposición de funcións que non lle son propias ao profesorado, supuxeron xa unha redución de máis de 1.000 profesores; a supresión de 156 unidades; a imposibilidade de levar a cabo desdobres ou dificultades para atender á diversidade ou ás necesidades especiais, entre outros. “Nin sequera se cobren as baixas laborais, o que está a repercutir negativamente na calidade do ensino”, denunciou.

Esta situación, xa grave, vese empeorada cos recortes previstos nos orzamentos de 2012, que prevén unha diminución de 12 millóns de euros respecto dos de 2011. Xunto a iso, denunciou a diminución dos orzamentos destinados ao Capítulo I (persoal), en máis de 23 millóns €, prevendo xa unha redución de 587 profesores/as que se suman aos 1.000 postos que xa se destruíron este ano. Na Mariña, nos dous últimos anos elimináronse varios ciclos formativos, as escolas unitarias que quedaban e fixéronse máis agrupamentos o que levou a destrución de máis de 50 postos de traballo.

A secretaria local de CIG-Ensino acusou á Xunta de Galiza de que mentres aplica políticas de recortes nos servizos públicos coma o ensino, segue beneficiando ao ensino privado con máis cartos e ampliación de unidades escolares. Contra esta situación, a CIG-Ensino espera que o profesorado e os pais e nais se mobilicen novamente de forma masiva como ocorriu xa o pasado día 11 de outubro na que o 80% dos centros da Mariña secundaron as mobilizacións.

Exit mobile version