Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino denuncia novamente atrasos de Educación no pago aos gastos dos comedores escolares da Mariña

Nota de prensa

A CIG ENSINO CRITICA DE NOVO A TARDANZA DA CONSELLARÍA NO PAGO DOS COMEDORES ESCOLARES

A Consellaría adebedáballe aos centros case catro meses

A Mariña, 19 de decembro de 2011.- A CIG Ensino quere denunciar novamente os atrasos da Consellaría de Educación no pago das cantidades asignadas aos gastos dos comedores escolares dos centros de ensino da Mariña. A Consellaría levaba sen pagar –ata o venres pasado- os meses de setembro, outubro, novembro e o que levamos de decembro, cando o normal é facer o pago mensualmente. Isto mesmo xa ocorrera ao final do curso pasado cando a Consellaría levaba desde abril sen pagar e parece que o tomou como algo habitual.

A portavoz do sindicato, Dores Fernández Abel, afirma que esta situación totalmente anómala está provocando que moitos centros se atopen con graves dificultades para poder pagar aos seus provedores. “Á maioría dos centros debíaselles entre 10.000 e 20.000 euros pero hai casos aos que se lles debía máis de 40.000 euros. Desta maneira os centros vense moi prexudicados na súa contabilidade e na súa imaxe”. Tanto é así, que algúns centros diante da imposibilidade de pagar teñen que pagar como poden, producíndose un desfase orzamentario á hora de pechar as súas contas con motivo do fin de trimestre.

Para a CIG Ensino esta situación é inxustificable posto que as cantidades para comedores escolares xa están asignadas nos Orzamentos da Xunta a principios de ano e polo tanto están dispoñibles en todo momento por parte da Consellaría. E ao mesmo tempo é unha actuación irresponsable posto que moitos provedores non poden esperar a que os centros de ensino lles paguen con tantos meses de atraso porque o están pasando mal nas circunstancias de crise na que estamos. “Hai a empresas de provedores que se lles debe máis de 10.000 euros, consecuencia dunha administración irresponsable e incompetente”, afirma Fernández Abel.

O mesmo está a ocorrer cos fondos europeos destinados aos programas educativos e formativos que imparten os centros de ensino que deberían estar ingresados xa na súa totalidade e que a punto de rematar o ano aínda só se efectuaron o 30% do total. “Estamos a falar de cantidades entre 6.000 e 15.000 euros que os centros necesitan para dar unha ensinanza de calidade e cumprir cos obxectivos dos programas europeos. Onde están estes fundos ou é que pensan retiralos tamén como fixeron coa gratuidade dos libros de texto, as axudas á normalización lingüística e tantas outras cousas?” pregúntase a CIG.

A CIG Ensino acusa á Consellaría de estar continuamente deteriorando a imaxe do ensino público e o seu normal funcionamento, Neste caso, recortando ano tras ano as cantidades para comedores escolares e atrasando sen xustificación o pago desas cantidades poñendo en apuros aos centros de ensino da comarca. Por iso, lle esiximos o pago a mes vencido aos centros de ensino das cantidades por concepto de comedores escolares así como as do Fondo Social Europeo, e que non se retrase por sistema o seu pago tres ou catro meses.

Exit mobile version