Site icon Crónica3.com A Mariña

A crise en Xove: gasto improdutivo e falta de innovación

O pasado día 19 de decembro acudín ao pleno do Concello de Xove no que se ían debater (impoñer, máis ben) os orzamentos para o vindeiro ano. Saín dalí con sensación de impotencia, pois sentín como o equipo de goberno se ría de todas e todos os veciños de Xove coa impunidade que lles dá a maioría absoluta.

Estes sentimentos explícanse ao escoitar de que xeito se poden chegar a xustificar uns orzamentos que non nos levan a ningures, á involución en todo caso. Resumindo: 45% para persoal, 45% para gasto corrente e 4% de investimento real. Co señor Salgueiro pasamos dun 30% de persoal a un 45% e dun investimento do 23% a un 4%. Pero o máis lamentable é que ese 4% de investimento se inviste en amañar pistas e accesos a vivendas particulares e colocar algunhas farolas. E disto non é culpable a crise, senón a avaricia de apañar uns votos para acadar a maioría absoluta da que agora goza. Non vou desgranar polo miúdo estes orzamentos, pero si vou pararme en varios puntos que me parecen importantes:

O señor alcalde tivo a valentía de recoñecer que o cadro de persoal está sobredimensionado, pois con el “poderíase atender un concello cunha poboación de máis de 10.000 habitantes” (Xove ten menos de 3.500). Pero, ao mesmo tempo que realiza este tipo de manifestacións, xustifica ese gasto polo elevado número de servizos sociais que ten o noso municipio. Agora ben, ¿que temos que non teñan os outros? ¿Cales son os servizos sociais que demandan todo este persoal? Eu non teño nada en contra de ningún deles, pero se queremos avanzar e progresar teremos que mudar o gasto en persoal por investimento. ¡Ollo!, pero non por un investimento tal e como o entende o señor Demetrio do PP (Pista e Poste), senón consolidando solo industrial e evitando a a especulación (calquera destas dúas medidas propostas polo BNG foron rexeitadas polo PP tanto no Concello coma na Xunta), axudando a autónomos (pero non dándolles un cheque de 1.200€ a cada un sen máis) e cambiando as políticas de emprego (pois dende o ano 2005 o número de parados é o mesmo: entre 130 e 170 persoas, isto quere dicir que non son acertadas).

Aínda que afondando neste último punto é doado de entender que non funcionen as políticas de emprego, xa que este ano sen ir máis alá entregóuselle a un empresario (antigo cargo político do concello) 6.000€ de subvención por ter como empregados o xenro, o fillo e o neto. Unha empresa familiar dos que ningún dos seus membros estivo nunca no paro.

Xosé Lois Iglesias Pérez

Exit mobile version