Nota de prensa
A Deputación completa esta semana as auditorías para renovar a certificación ambiental ISO 14001 en 14 praias da Mariña
– O Concello de Burela decidiu descolgarse dun proxecto que ten un custe cero para os municipios e grazas ó que os areais mariñanos son un referente de calidade e España
– Ribadeo, Viveiro e Foz aspiran a manter o prestixioso distintivo, que leva consigo importantes beneficios como a implantación de melloras continuas nas praias en canto a xestión de residuos, limpeza e servizos, e a promoción exterior
Aínda que os Concellos se comprometeran a asumir os custes das auditorías necesarias para renovar a ISO 14001, que deben facerse cada ano, a Deputación tomou a decisión de financiar esta primeira avaliación, tendo en conta a delicada situación económica pola que atravesan as administracións locais. Deste xeito, a institución lucense afórralles 7.300 euros a cada un dos municipios participantes, reforzando a súa aposta por que as praias mariñanas sexan un referente de calidade en España e, ó mesmo tempo, potenciando a súa liña de cooperación e asistencia ós municipios da provincia.
Boas perspectivas
Un equipo de traballo desenvolve as auditorías dende mediados de outubro e, a falta de sabelas conclusións, a Deputación ten boas perspectivas e confía en que todos os areais renovarán a certificación de calidade, dado o alto grao de implicación dos Concellos e dos seus técnicos para cumprir cos requisitos esixidos. Tendo en conta que as avaliacións rematarán nesta última semana de novembro, a Deputación cumprirá cos prazos esixidos para renovala certificación, desenvolvendo unha xestión eficiente e amosando o seu compromiso coa Mariña e o seu sector turístico. Trala baixa do Vicedo e Burela, as praias que serán sometidas a exame son 14:
– Ribadeo: As Catedrais e Os Castros
– Foz: Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, Pampillosa e Arealonga
– Viveiro: Covas, Area e Sacido
Beneficios medioambientais, de imaxe e económicos
Este tipo de recoñecemento, concedido segundo a normativa europea EMAS, leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias, así como melloras doutros servizos ós usuarios. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.