Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza o persoal no período de nadal

Nota de prensa

O 061 de Galicia reforza o seu persoal no período navideño

Con estas medidas garántese unha axilización da consulta médica e optimízase a xestión dos recursos ante calquera emerxencia

O teléfono de información sanitaria 902 400 116 traballa as 24 horas para dar resposta a cidadanía ante dúbidas sobre posibles síntomas gripais ou calquera consulta sanitaria non urxente

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.- A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén de pór en marcha diferentes medidas para asegurar que a atención das urxencias e emerxencias sexa a axeitada nestas datas especiais. Neste período navideño, a Central de Coordinación do 061 rexistra un incremento da demanda sanitaria, produto do aumento de patoloxías relacionadas coa estación invernal e os excesos propios destes días, nas que tamén os accidentes de tráfico aumentan.

A Central do 061 de Galicia vén de realizar distintas modificacións dos turnos adaptándose ás análises de incremento de chamadas nestas datas especiais, que coinciden co fin de semana o que supón a existencia dun reforzo habitual do servizo. Estas medidas que leva a cabo Urxencias Sanitarias de Galicia-061, garanten unha axilización da consulta médica e optimizan a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención de emerxencias que puideran xurdir.

Isto supón apoio de persoal facultativo, teleoperador e locutor os días 23, 24, 25, 30 e 31 de decembro e o 1, 4 e 5 de xaneiro de 2012. Estes vindeiros días realizarase un reforzo do persoal facultativo nas quendas de noite de 22 a 8 horas, as noites do 24, 31 de decembro e o 5 de xaneiro así como a quenda de mañá do primeiro día do ano. No caso dos teleoperadores os días 23, 25, 30, 1, 4 e 5 de xaneiro contarase cun máis de 10 a 22 horas, e nas noites do 24 e 30 de decembro reforzarase con tres teleoperadores máis de 22 a 8 horas.

Así mesmo, no caso dos locutores, operadores encargados de mobilizar o recurso trala valoración do médico da central, nestas festas reforzarase cun locutor máis nas noites dos días 23, 24, 30, 31 de decembro e 5 de xaneiro de 22 a 8 horas.

No que atinxe aos recursos móbiles, o 061 é o responsable de xestionar e coordinar os servizos pre-hospitalarios en casos de urxencias e emerxencias que ocorran na nosa Comunidade tendo a perspectiva da totalidade da situación dos recursos sanitarios en cada momento.

A todo o antedito hai que engadir que en cada unha das categorías disponse de persoal localizado as 24 horas do día. Así mesmo, permanecen tamén localizados os responsables do servizo de tecnoloxía, técnicos, equipo directivo, etc., para dar resposta inmediata a calquera imprevisto que puidera xurdir.

Nadal 2010-2011
No mes de decembro deste ano, o 061 de Galicia prevé un incremento da demanda debido aos accidentes de tráfico, as enfermidades en vía pública, así como o resto de patoloxías propias dos excesos navideños que cobran certo protagonismo.

O ano pasado (dende o 24 de decembro 2010 ata o 6 de xaneiro de 2011) a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 47.272 chamadas de demanda sanitaria orixinando 22.519 procesos asistenciais. Do total das asistencias realizadas polo 061 o 49 por cento foron resoltos sen mobilizar recursos, mediante consulta médica telefónica ou información sanitaria e o 51 por cento restante precisou da mobilización dalgún recurso.

Para a resolución da demanda citada anteriormente nestes días mobilizouse o helicóptero medicalizado en 15 ocasións, as ambulancias medicalizadas acudiron en 740 situacións, as ambulancias asistenciais en 10.787, e en 661 situacións asistiu unha das ambulancias convencionais.

Neste período os accidentes de tráfico e as intoxicacións son os principais motivos de demanda sanitaria na Central do 061. Así no Nadal pasado o 061 acudiu a 293 accidentes de tráfico nos que se asistiron a 398 persoas. No caso das intoxicacións, por alcohol e drogas, o total rexistrado polo 061 foi de 539 asistencias realizadas polos profesionais sanitarios do 061.

Para rematar, e importante lembrar a toda a poboación galega o teléfono de información sanitaria 902 400 116 que traballa as 24 horas, os 365 días do ano para dar resposta a cidadanía ante calquera dúbida sobre posibles síntomas gripais ou calquera consulta sanitaria non urxente.

Exit mobile version