Site icon Crónica3.com A Mariña

A publicación O prado das Chantas adica o último número á problemática do lixo en zonas boscosas

NOTA DE PRENSA

Liga Céltiga Galaica

Alfoz, 20 de decembro do 2011

O número 76 da publicación O PRADO DAS CHANTAS vai adicado especialmente á problemática derivada das moreas de lixo presentes en zonas boscosas dos concellos de Alfoz e O Valadouro.

Na revista confeccionada polos socios e colaboradores da Liga Céltiga Galaica aparecen 20 fotos encabezadas polo título “Sodes uns cochos…algúns”, nesta reportaxe fotográfica poden verse televisores, conxeladores, baterías, computadores, xoguetes, mobles e toda caste de electrodomésticos, abandonados ás beiras de estradas, pistas forestais, camiños ou no medio da vexetación.

Debemos sinalar tres zonas sensíbeis ou especialmente afectadas polos verquidos incontrolados: a FRAGA DE CARBALLIDO (na parroquia de Carballido, ALFOZ), a GRANDA DOURO (nas parroquias de Bacoi e Mor, ALFOZ), e en menor medida a FRAGA DAS LERIAS (nas parroquias de Frexulfe, San Tomé e O Cadramón, O VALADOURO) pero onde se teñen detectado vehículos abandonados no leito do río.

Todas estas zonas nomeadas son masas boscosas do val, algunhas cun especial interese ecolóxico, como a Fraga das Lerias, onde medra un endemismo vexetal único en Galiza, o felgo cretácico. Outras, como a Granda Douro ou a Fraga de Carballido teñen grande importancia dende o punto de vista económico, xa que son montes adicados á explotación forestal, moi próximos aos núcleos poboacionais.

Estes malos hábitos son preocupantes non só polo impacto visual que produce o lixo nun espazo rural e forestal como a bisbarra do Valadouro, senón tamén polo risco de contaminación de acuíferos e cursos fluviais, incendios, ou mesmo polo posíbel envelanamento de animais co ácido das baterías e outras substancias tóxicas.

Débese lembrar que todo isto é perfectamente evitábel, xa que existe un Punto Limpo pra os dous concellos.

-Engado arquivo cunha imaxe que amosa un televisor pousado nas pólas dunha árbore, esta foto foi feita á beira dunha estrada principal do val.

Exit mobile version