Adeus a mañás e tardes de nordés na Marosa …
Eu de pequeno xogaba ó fútbol, así coma algúns xogaban ao baloncesto eu, como a maioría xogaba ó fútbol (tamén algo evidentemente a fútbol sala). Para elo adestrabamos uns dous ou tres días a semana no campo de fútbol da Marosa, sito nas inmediacións da praia do mesmo nome, e que construíron co traballo de moitos veciños e afeccionados da “institución deportiva mais antiga deste pobo”, a SD Burela.
En verán era todo moi sinxelo, salías da praia á que foras, no meu caso A Areoura, collías a bici e chegabas rapidamente ó campo de fútbol para adestrar. Cando acababas aínda era día, collías a bici e volvías para a casa. Ás veces facíamos un grupo similar ó da volta a España e íamos pintando a mona por Arcadio Pardiñas adiante.
Na foto Miguel Pardo, comezou en Infantiles, a categoría mais baixa naquel momento, e agora xoga no sénior dende hai xa moitos anos, nunca xogou noutro equipo, debutou no sénior en idade cadete e competiu en liga galega tanto en cadetes coma en xuvenís. Como isto siga así, naide poderá igualar tal lealdade...
No inverno tiñas que ter quen te levara e quen te fora buscar porque alí na Marosa chove, fai frío, pega o nordés… en fin, é a Marosa. Moitas veces podíamos pasar mais de media hora na ducha tamén pintando a mona, mentres os pais ou avós (coma no meu caso), esperaban con paciencia polos seus pequenos ou adolescentes. Os rapaces que en algún momento xogaron ou xogan ó basquet terán tamén historias ou anécdotas coma esta.
O problema é que agora os nosos rapaces non van poder desfrutar disto. Desfrutar do camiño ata a Marosa, das pachanga pre-adestramento, do nordés pegándoche por tódolos lados, dos balóns que van fora do campo e vas buscar ás pedras, de que te poñan a correr por fora do campo, de que a auga da ducha esté moi fría no inverno e ardendo no verán, de aguantar as broncas de Meu, con razón, porque deixamos todo cheo de merda… tampouco poderán aprender cousas como o respecto ó traballo dos compañeiros, sexan mellores ou peores ca ti, o respecto á xerarquía do adestrador, o respecto ós rivais, o traballo en equipo, o compromiso, a axuda ós demais… todos eses valores que da o deporte… Agora terán que xogar a play, ir a inglés, ir a escola de música a aprender so o estilo mais clásico, xogar no i-phone, mandar wassaps ou no mellor dos casos pertencer ás escolas deportivas municipais que vai xestionar unha empresa privada.
Nunca verán nada parecido ó acento asturiano de Chano, ás arroutadas de Fiskelas, ós vaciles de Tomás, ás saídas de Honorato ou ás broncas de Matouse. Os paseos de Celso dun campo a outro, as clases maxistrais de Rodrigo, Carballeira, Julio Cayón, Javi Ruiz, Julio Neira, Nito, Jaimito ou Abel… non coñecerán a lenda do Pitufo… as propiedades de Mutiu, Claudio, Valú, Adriano,Felix… descoñecerán, ó fin e ó cabo, o mito que significa para min e para moitos pertencer a canteira da SD Burela…
Eu, por sorte, nunca esquecerei todo isto… os nosos rapaces creo que si…
Mario Pillado Mon