Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro

BARREIRO

Os focegos acabamos de despedir a quen foi un dos seus mais populares e carismáticos veciños. Xosé Barreiro Pérez chegara á vila hai sesenta anos, procedente das súas terras betanceiras de Coirós, tras aprobar a oposición para Oficial Habilitado da Xustiza e destinado ó xulgado de Foz. Mais tarde sería secretario e, despois de xubilado, xuíz de paz.

O seu carácter extravertido, a naturalidade no trato, a modestia e a simpatía fixeron que de contado se convertera nun personaxe apreciado polas xentes, acollido con agrado en todo círculo, tertulia e conversa, pois traía acotío o exemplo didáctico a través de vellos ditos da paisanaxe, os refráns oportunos e os feitos, por el coñecidos ou escoitados, que amenizaban con especial engado e acerto singular todo debate ou coloquio, do que case sempre, sen el propoñerse tal,convertíase no centro do mesmo.

Este cronista co que, perante anos, conviviu baixo o mesmo teito, é testemuña de excepción do singular dunha personalidade cuxo trato e afecto mutuo perduraron ó longo de décadas, dende a nosa adolescencia.

Inimigo de todo artificio, mesmo á hora de xantar, defendía sempre toda expresión natural en contraposición a modas absurdas ás que el así consideraba. No apaixonante e apaixonado mundo futboleiro declarábase, por enriba de todo, seguidor do Deportivo da Coruña. Fiel á súa terra e ás súas xentes, con el gozou dos éxitos e sufriu os fracasos; pero endexamais renegou dos seus sentimentos por mor de arrimar ó sol que mais quenta….

A súa personalidade peculiar, a modestia e simpatía, o enciclopédico saber vital e retranqueiro, o coñecemento e dominio da idiosincrasia das xentes da nosa terra, que facían posible a ilustración en clave de humor en toda xuntanza; a permanente actitude de servizo e atención á veciñanza, fixeron que de contado, dende a chegada a Foz, como dicimos, hai 60 anos, Barreiro se gañase a popularidade e o aprecio das nosas xentes das que da grande maioría coñecía nomes e apelidos e relacións familiares.

Mentres o destino o permita permanecerá na nosa memoria.

Exit mobile version