Site icon Crónica3.com A Mariña

Benestar Social da Deputación leva a máis de 40 entidades da Mariña actividades deportivas gratuítas

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA VISITOU Á VECIÑANZA DA IRMANDADE DE SAN CAETANO, QUE CONTA CUN MONITOR PARA ACTIVIDADE FÍSICA GRAZAS A “TODOS A XOGAR”

O programa “Todos a Xogar”, que puxo en marcha a Área de Benestar Social e Deporte da Deputación, leva a máis de 40 asociacións ou concellos da Mariña actividades deportivas gratuítas

En concreto, a veciñanza da Irmandade de San Caetano realiza a modalidade “Non te retires, volta a xogar”, que consiste en ximnasia xerontolóxica de envellecemento activo para persoas maiores

O programa “Todos a xogar” abrangue á práctica totalidade dos concellos lucenses, a través de máis de 100 asociacións e tamén concellos, movendo a máis de 3700 usuarios grazas a máis de 20 monitores

LUGO, 23 de decembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, visitou esta tarde aos veciños e veciñas da Irmandade de San Caetano, que logo de inscribirse no programa “Todos a Xogar” están a acudir semanalmente a actividade de ximnasia xerontolóxica de envellecemento activo para persoas maiores cun monitor. Ao redor de 15 veciños e veciñas acoden ás instalacións das escolas de Celeiro de Mariñaos, onde se xuntan para realizar actividade física aconsellada á súa idade a través do monitor da Fundación BALOGAL.

Antonio Veiga afirmou que “Todos a Xogar é un programa totalmente transversal, que implica desde o deporte ao benestar social, igualdade e xuventude, xa que pretende reactivar a actividade física nos segmentos de poboación que habitualmente non realizan deporte en concellos do rural nos que hai menos oportunidades, como neste caso acontece cos veciños e veciñas de San Caetano”. Veiga indicou que neste proxecto de dinamización da actividade física “non só participan os concellos, senón que tamén se desenvolve en colaboración con colectivos de persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, e a través de asociacións culturais e deportivas que constitúen a base da nosa sociedade”.

O programa “Todos a Xogar”, financiado pola Área de Benestar Social e Deporte da Deputación e coordinado pola Fundación BALOGAL, conta con catro eixos de acción:

-Axudamos a facer deporte: ciclo de compoñente formativa destinado a persoas á fronte de entidades públicas, asociacións, colectivos de índole deportiva para potenciar o máximo os seus recursos orientados ao fomento da actividade física (formación en materia legal, apoio administrativo, subvencións, xeración de recursos públicos, etc)

-Eu tamén xogo no Breo: fomento da actividade física para colectivos de necesidades especiais como persoas con discapacidade física, persoas en risco de exclusión social, etc.

-Obradoiros deportivos: fomentar costumes saudables a través do exercicio físico de xeito lúdico na franxa de idade escolar entre 1º e 6º de primaria, centrando os esforzos en concellos e lugares onde os nenos e nenas adoezan da posibilidade de facer actividades deportivas.

-Non te retires, volve a xogar: dinamización da actividade física xerontolóxica, xa que a poboación envellecida é unha constante nos concellos do rural lucense, co que se trata de ofrecer actividades de envellecemento activo e tamén xerar dinámicas sociais que favorezan o contacto entre persoas maiores moitas veces illadas por cuestión da dispersión xeográfica.

Todas estas actividades están sendo desenvolvidas desde outubro por 20 monitores e monitoras que cobren todas as comarcas lucenses. Desta maneira, as asociacións, colectivos e concellos que solicitaron unha actividade das catro anteriores contan cunha persoa e co material necesario para poñer en marcha esa actividade dúas horas á semana, durante seis meses, até o vindeiro mes de abril do próximo ano.

Exit mobile version