Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela organiza o I Plan de integración de emigrantes con charlas nos institutos

Nota de prensa:

O I PLAN DE INTEGRACIÓN DE INMIGRANTES DO CONCELLO DE BURELA CHEGA ESTES DÍAS AOS CENTROS DE ENSINO. OS DÍAS 14 E 19 DE DECEMBRO HABERÁ CHARLAS INFORMATIVAS NOS IES PERDOURO E MONTE CASTELO.

Burela, 12 de decembro de 2011. O programa de integración de inmigrantes do Concello de Burela e o Ministerio de Traballo e Inmigración xunto cos centros educativos Perdouro e Monte Castelo organizan esta semana unhas charlas informativas cos alumnos de bacharelato. Serán os días 14 e 19 de decembro respectivamente.

Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, “en ditas xornadas achegaranse aos centros educativos persoal do programa de integración de inmigrantes municipal e membros da asociación caboverdiana Raventola para difundir o I Plan de Integración de Inmigrantes do Concello de Burela e para dar a coñecer de primeira man o fenómeno migratorio”.

A edil popular indicou que “con esta actividade preténdese sensibilizar á xente máis nova do proceso migratorio en si, mediante a vivencia persoal, e tamén facer partícipes aos alumnos dos centros escolares da relevancia do Plan de Integración do Concello de Burela”.

Acompañando esta actividade tamén se instalarán mesas informativas en ámbolos dous centros para informar e ofrecer material de interese sobre a convivencia intercultural. Estas actividades enmárcanse dentro da fase de divulgación da I Plan de Integración de Inmigrantes do Concello de Burela.

Exit mobile version