Nota de prensa
O GOBERNO CERVENSE DISTRIBÚE UN ANO MÁIS PRETO DE 3.000 ALMANAQUES CUNHA ESCOLMA DE FOTOS ANTIGAS DO MUNICIPIO ENTRE OS DOMICILIOS DO CONCELLO PARA FELICITARLLES O NADAL
O almanaque -do cal se imprimiron preto de 3.000 exemplares- está feito en branco e negro. Nel recóllense un total de 20 imaxes datadas entre principios do pasado século XX e 1965. “Quixemos recoller unha representación de tódalas parroquias do municipio e dos acontecementos sociais máis importantes que tiñan lugar naqueles tempos” indicou o alcalde cervense, Alfonso Villares durante a presentación deste calendario na que tamén participaron as concelleiras Tania González (Asuntos Sociais e Cultura) e Pilar Álvarez (Xuventude).
Neste calendario tamén se recollen as principais festividades e datas de celebración do termino municipal no 2012, así como os actos organizados polo Concello que a día de hoxe xa teñen data prevista de celebración para o vindeiro ano.
Fototeca na páxina de Facebook
Os integrantes do equipo de Goberno aproveitaron para recordar que o programa municipal “Buscando as Nosas Raíces” complementase ademais cunha fototeca na rede social Facebook que foi aberta en marzo de 2009. Nela atópase a totalidade de fotos recollidas polos servizos municipais nos últimos catro anos grazas á colaboración de veciños e colectivos do municipio. As persoas que o desexen poden aportar máis fotografías para ampliar o fondo fotográfico e comentar as imaxes xa existentes co fin de ampliar a documentación das mesmas. O enderezo electrónico desta páxina é: http://www.facebook.com/pages/Fototeca-Concello-De-Cervo/113779428686881?v=wall
Desexos dun feliz 2012
Por último, os tres membros do grupo de Goberno local agradeceron a tódolos veciños que levan colaborando coas distintas iniciativas de recollida e preservación da memoria en imaxes do termino municipal nestes últimos anos e desexaron a tódolos veciños do municipio felicidade e prosperidade para o vindeiro ano 2012.