CONSU-MISMO 2012
Con todo, a principal obsesión dos nosos políticos , antes que a loita contra o desemprego, segue sendo o control do déficit público, tal e como volveu a comprobarse na cume europea destes días, na que o novo fundamentalismo da austeridade non admitiu alternativa.
Sabido é que o grao de confianza e credibilidade que os cidadáns outorgan nestes tempos aos políticos está baixo mínimos e, un preguntase, á vista do ocorrido, si os economistas non sairían mellor parados; aínda así, a escola que abandeira o paradigma do déficit volveu a imporse sobre todo o demais. Así o fixo saber o novo poder personificado en Merkel e Sarkozy, aínda que en verdade, e dicilo é unha banalidade, quen realmente manda son os mercados, eses que, como lucidamente dixese un ilustre físico, son como os extraterrestres, deixan pegada pero ninguén os ve.
Xa que logo, a política reinante axústase á máxima de devolver a confianza aos mercados, e non cabe máis discusión. Deste xeito, volve unha tempada en que se impón a moda dos centauros, a Merkozy únese Zetajoy, enxeñosa denominación acuñada nunha conmovedora sintonía política, que tras dúas lexislaturas a cara de can agora falan todos os días. E o tempo dilapidado? E as oportunidades perdidas?
Servirá este espírito de colaboración de última hora, e tantas veces demandado pola maioría, para inaugurar un estilo de facer política de cooperación ante os grandes retos, que por forza non han de ser só os económicos, e entre estes non exclusivamente os que diten os mercados, senón tamén os sociais, ou se reducirá ese sorprendente acordo a activar «unha depreciación competitiva dos salarios» e desenvolver normativamente a reforma da Constitución que impulsou Zapatero, na agonía do seu mandato, sen debate e apresuradamente, para introducir a ortodoxia orzamentaria que esixía Berlín? Moito me temo que a palabra crise é un fetiche que oculta máis que revela.
En calquera caso, sáibase que tamén hai outra escola económica, con ilustres e galardoados avaladores, que considera que en tempos de crise os déficits non necesariamente supón un perigo senón que axudan a soster unha economía deprimida, que os recortes dos gobernos agravan a falta de demanda, que é o principal problema ao que se enfrontan os empresarios, que non calza que a brecha entre ricos e pobres sexa a máis alta nos últimos 30 anos e que as rendas de traballo acheguen o 85% dos ingresos do IRPF, 13 puntos máis que no inicio da crise, a pesar de que hai cinco millóns de parados, mentres as rendas de capital e das empresas, aínda que representan a metade do PIB, reduzan nos últimos anos a súa achega ao 15%. E xa en período de Nadal, o consumo interno está polo chan , e un pais sen consumo interno é un pais cara o tanatorio, pero para que vostede vote unha gargallada déixolle isto:
CONSUMISMO!!! PREPÁRENSE DESDE XA PARA O ANO QUE VÉN PORQUE….O ANO 2012 SERÁ O ANO DO CONSUMISMO, ALÉGRESE!!! SEGUNDO OS MÁIS RECOÑECIDOS EXPERTOS EN ECONOMÍA, MERCADOTECNIA E TENDENCIAS DO CONSUMIDOR, O 2012 SERÁ O ANO DO… C O N S U M I S M O TERÁ QUE QUEDAR: CONSU-MISMO COCHE, CONSU-MISMO SOLDO, CONSU-MIESMO TEITO, CONSU-MIESMO VESTIARIO, CONSU-MISMO PAR DE ZAPATOS E SÓ SI A SORTE QUERE… CONSU-MIESMO TRABALLO… ARRIBA O CONSU-MIESMO ¡NON HAI OUTRA!!!
Otero Regal