Site icon Crónica3.com A Mariña

IES Monte castelo de Burela imparte un curso de Instructor de FS en colaboración coa federación galega

Nota de prensa

ENSINO DE REFERENCIA

Os futuros adestradores mariñáns da base avanzan a pasos axigantados na súa aprendizaxe de Instrutor Fútbol Sala, no curso que este ano académico acolle o IES de Burela Monte Castelo coa organización da Federación Galega de Fútbol. A educación física de base, que imparte estes días o director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera, marca o ecuador do bloque común do ciclo, cunha matrícula de 18 alumnos/as.

“Nestas sesións achegámonos aos medios e obxectivos do adestramento, capacidades físicas básicas, planificación da tempada e factores de rendemento” explicou Alfonso Mera, que fixo especial atención na programación á hora de traballar cos máis pequenos. “O máis importante no ensino de base é ter claros os contidos que se queren traballar, tendo en conta as características físicas do neno e a súa idade, e a partir de aí establecer unha planificación de medios e tarefas para chegar aos obxectivos marcados”. “Moitas veces ao adestrar con nenos tende a improvisarse ao entender a práctica deportiva coma un simple xogo; no entanto cun traballo planificado por parte do adestrador o neno pode divertirse igual e así poderá construir unha base sólida na aprendizaxe dese deporte” engadiu o director da base laranxa.

O de Burela é o único curso da devandita especialidade que se imparte en Galicia en 2011-12. Baixo a coordinación do ex-adestrador do Superti-A Pontenova, José Ramón Rodríguez, Josiño, e cun total de 280 horas entre formación teórica e práctica, o alumnado obterá o certificado de Instrutor de Fútbol Sala Base (nivel 1) en xuño de 2012.

Exit mobile version