Site icon Crónica3.com A Mariña

Imaxiña 2011 amosou a Mariña a través do obxectivo da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada

Nota de prensa

IMAXIÑA 2011 AMOSA A REALIDADE DA MARIÑA NO OBXECTIVO DE PEPA LOSADA

Mércores 21 de decembro. O festival Imaxiña 2011 amosou esta mañá a realidade da Mariña a través do obxectivo da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada, no IES Monte Castelo de Burela. A fotógrafa percorreu a vida e dinamismo da comarca nas súas instantáneas xunto ao alumnado do Bacharelato de Artes do centro, no que constituíu o segundo taller da cita audiovisual que impulsa a Fundación Imdecum.

Nun animado coloquio, Pepa Losada incidiu na importancia da imaxe nos xornais. “Unha boa foto non se ten que explicar; a mensaxe da noticia ten que estar perfectamente reflectida na imaxe que a ilustra” dixo a reporteira gráfica, que tamén fixo referencia ás vicisitudes no día a día dun profesional da prensa: “Debes saber capturar a situación e o momento e iso só se consegue con práctica” apuntou.

O festival Imaxiña, que se integra nun proxecto máis ambicioso con visitas polos diferentes centros de ensino da bisbarra, xorde co firme propósito de poñer en marcha un contorno de creación que permita deixar constancia dunha identidade propia a través do audiovisual, coa participación dos mariñáns en concursos e obradoiros de creación fotográfica e audiovisual, así como exposicións e proxeccións.

O estudantado do centro burelao xa puido achegarse ao mundo da imaxe o luns pasado, no obradoiro creativo de vídeo ‘Fotografía en Movemento’, coa participación do pintor xovense Xoán Guerreiro, a comunicadora cervense Sabela Blanco e o profesor de Debuxo e Artes do IES Monte Castelo Pedro Cabarcos.

Exit mobile version