Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo honra a figura de Cunqueiro coa macrorrepresentación teatral “A noite de Merlín”

Nota de prensa 1/2

PRESENTOUSE NA DEPUTACIÓN O ESPECTÁCULO “A NOITE DE MERLÍN”

Esta macrorrepresentación teatral terá lugar en Mondoñedo o vindeiro 17 de decembro, desenvolvendo unha historia sobre o Mago Merlín honrando a figura de Cunqueiro no 100 aniversario do seu nacemento

A asociación Abrindo Camiño recuperou estas representacións que xa se facían nos 90, coa colaboración do tecido asociativo da zona e o Concello de Mondoñedo e a Deputación de Lugo

LUGO, 1 de decembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, xunto a Xusto Fernández, tenente de alcalde do Concello de Mondoñedo, Luís Fernández Ansedes, presidente da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo e organizador do acto “A Noite de Merlín”, Ugía Pedreira, representante da Central Folque, organizadora do acto “Cunqueiro: Estación Mondoñedo”; José Ramón Val Alonso, representando á Fundación TIC, Elías Noel Fernández Ferreira, guionista de “ A Noite de Merlin”, Isidoro Rodríguez Pérez, director de coreografía de “A Noite de Merlin” e Xan Carballal, director da Escola de Música de Mondoñedo e compositor da música en directo para a representación do espectáculo, presentaron esta mañá na Deputación de Lugo a macrorrepresentación teatral e os actos entorno á “A Noite de Merlín”, que se celebrará o vindeiro 17 de decembro en Mondoñedo, coa participación de máis de 200 persoas.

Antonio Veiga, na súa intervención, destacou que a Área de Cultura da Deputación de Lugo fixo un esforzo para apoiar non só este, senón “multitude de actos que se teñen celebrado durante o ano e tamén con outras actuacións a prol de poñer en valor unha parte importantísima da nosa cultura como galegos e galegas, que supón a riqueza literaria emanada de Mondoñedo”. Ao mesmo tempo, Veiga desexou que o espectáculo sexa un éxito porque de seguro que o vai ser e Mondoñedo quedarase pequeno pola multitude de persoas que se van a achegar a presenciar o evento, ademais dos propios veciños e veciñas.

Máis de 200 persoas está previsto que participen na macrorrepresentación teatral, na que están implicadas varias institucións, como o Concello e a Deputación, e asociacións culturais como O Pasatempo ou Xoldra, así como a escola de música. Ademais, a iniciativa conta coa colaboración de Xan Carballal na composición e a dirección musical e Paula Buján, Isidoro Rodríguez (presente hoxe na Deputación), Mita Adriana Beutel, Paco Piñeiro e Ernesto González son algúns dos responsables da escenificación, a coreografía, a iluminación, o son, o atrezzo e o deseño da cartelería e decorar, e os guións correron a cargo de Elías Noel Fernández Ferreira.

O acto empezará a media tarde co repiqueo das campás das igrexas de Mondoñedo para chamar aos pobos das Terras de Miranda, que serán recibidos polo gobernador (o alcalde de Mondoñedo ataviado a tal fin) na Praza do Concello. Posteriormente dirixiranse á casa de Merlín -o auditorio-, onde se desenvolverá a obra, repartida en tres actos. O acto de clausura será unha queimada que se servirá na Praza dá Catedral e que incluirá un espectáculo de luces e música e baile popular.

Unha mesa redonda sobre a poesía, o teatro e a fábula de Álvaro Cunqueiro será o acto que completará a programación da edición especial da Noite de Merlín prevista para o próximo día 17. O profesor e crítico literario Armando Requeixo, o tamén profesor e director de teatro Francisco Piñeiro e o escritor Antonio Reigosa, moderados polo xornalista e publicista Elías Rodríguez serán os encargados de disertar sobre o escritor mindoniense, de cuxo nacemento se celebra este ano o seu centenario.

A continuación do faladoiro proxectarase un audiovisual recordando as edicións da Noite de Merlín que se celebraron a principios dos anos noventa e faráselle un recoñecemento a Manuel Montero, ‘O Mago Merlín’, por manter durante 20 anos viva a maxia cunqueiriana.

Pola súa banda, a cantante e directora da Central Folque, Ugía Pedreira, presentou a actividade dentro de “Cunqueiro: estación Mondoñedo” no que a cantante polaca Paulina Ceremuzynska, especialista en repertorio medieval fará un percorrido por significadas cantigas de amigo, ese xénero tan propio da literatura galego-portuguesa que o escritor mindoniense reformulou nas nova cancións galegas. Este acto terá lugar o día 19 de decembro no Centro Cultural da Alcántara de Mondoñedo.

Nota de prensa 2/2

A Fundación TIC difundirá cun DVD a Noite de Merlín que conmemora o centenario de Cunqueiro

– Val Alonso avanzou a participación da TIC nesta xornada que se recupera despois de case dúas décadas, tendo lugar o vindeiro 17 de decembro en Mondoñedo

– Estudantes da Escola de Imaxe e Son participarán na elaboración deste traballo audiovisual que recollerá a obra teatral “Merlín e Familia”, baseada na obra do escritor

O Patrono da Fundación TIC e Deputado de Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val; o Vicepresidente Primeiro do organismo provincial, Antonio Veiga; o Alcalde de Mondoñedo, Orlando González; e o Presidente da Asociación “Abrindo Camiño”, Luís Fernández Ansedes, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos o programa de actos da “Noite de Merlín”. Trátase da xornada que acollerá o Concello mindoniense o vindeiro 17 de decembro con motivo do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Val Alonso avanzou que a Fundación TIC colaborará con esta iniciativa mediante a gravación dun DVD que recollerá as numerosas actividades que terán lugar en diversos escenarios da localidade, nos que se dará vida á representación teatral “Merlín e Familia”, baseada na obra do ilustre escritor lugués.

Este traballo audiovisual contribuirá á promoción do encontro co fin de manter vivo o recordo da maxia cunqueriana e difundir a riqueza cultural da provincia. Os estudantes da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, o único centro que imparte ensinanzas da rama audiovisual na provincia, participarán na elaboración deste DVD, proporcionándolles experiencia práctica real co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral. Segundo o Presidente de “Abrindo Camiño”, a asociación está xestionando a presentación deste traballo en Madrid, o vindeiro mes de xaneiro, a través da Casa de Galicia, coincidindo coa celebración da 32ª Feira Internacional de Turismo, Fitur.

Homenaxe ó ilustre escritor

A “Noite de Merlín” celebrouse ata en catro ocasións, entre os anos 1990 e 1993, organizada pola Asociación Cultural “Leiras Pulpeiro”. A cita, que xurdíu coma festa popular dentro das xornadas lúdico-culturais dos “Sábados de Vagar en Mondoñedo”, retómase en 2011, despois de 18 anos, impulsada pola Asociación “Abrindo Camiño” en colaboración coa Deputación de Lugo, o Concello de Mondoñedo e outras entidades sociais e culturais de dita localidade para homenaxear ós 100 anos do nacemento do prestixioso autor lugués.

Álvaro Cunqueiro Mora, naceu en Mondoñedo no ano 1911. Está considerado un dos mellores autores galegos a través da súa actividade polifacética como novelista, dramaturgo, periodista e gastrónomo.

Exit mobile version