Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela tratou coa xunta de persoal sobre o convenio e a relación de postos de traballo

Nota de prensa

DESPOIS DAS FESTAS DE NADAL XUNTA DE PERSOAL E ALCALDÍA COMEZARÁN AS REUNIÓNS PARA ELABORAR UN NOVO CONVENIO COLECTIVO OU PARA PROCEDER Á REVISIÓN DO ACTUAL. TAMÉN A PRINCIPIOS DO VINDEIRO ANO GONZÁLEZ BARCIA AGARDA MANTER UN ENCONTRO COA DEPUTACIÓN SOBRE A RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO CONCELLO DE BURELA.

Burela, 20 de decembro de 2011. O alcalde de Burela, José María González Barcia, mantivo un encontro coa xunta de persoal no que abordaron cuestións coma a elaboración da relación de postos de traballo ou o convenio colectivo. Despois de reis seguirán as xuntanzas sobre estes dous asuntos.

O rexedor contou que “hoxe celebramos unha reunión da xunta de persoal logo de que se constituise o novo comité de empresa para tratar algunhas cuestións vinculadas co persoal tanto laboral como funcionario deste Concello. Unha delas foi o nomeamento das persoas que formarán parte das dúas comisións paritarias (funcionariado e persoal laboral) onde están representados tanto os traballadores como a administración. A comisión paritaria ten como obxectivo facer un seguimento sobre o grao de cumprimento do convenio e ao mesmo tempo interpretar aqueles aspectos que susciten dúbidas en canto á súa aplicación”.

Sobre a elaboración da relación de postos de traballo González Barcia lembrou que “había un compromiso da Deputación Provincial de elaborar unha relación de postos de traballo no Concello, o compromiso asumíuse hai tempo, pero nos últimos anos non se fixo absolutamente nada. Hai catro anos se falou por parte do bipartito burelés da elaboración dunha nova RPT e a día de hoxe casi non hai nada feito. Desde o Concello o que se lle transmitiu á Deputación foi a necesidade de elaborar unha relación de postos de traballo, pero ao mesmo tempo se lle pediu que si eles continuaban con ese compromiso nos dixeran canto era o tempo que lles ía levar dito proceso”. E engadiu que “a día de hoxe temos unha confirmación verbal por parte da Deputación de que sí van continuar con eses traballos, pero non sabemos cánto tempo lles vai levar. Eu espero e confío que tal e como se falou cos representantes da propia Deputación Provincial á volta de reis nos podamos sentar con eles para ver o grao de implicación que ten a institución provincial en todo este proceso, despois de catro anos de parálise”.

Na reunión da xunta de persoal desta mañá tamén se abordou a elaboración dun novo convenio colectivo ou a modificación do actual. Convén recordar que o convenio que está agora mesmo vixente, porque en realidade está denunciado, tiña fecha de caducidade do 31 de decembro do ano pasado. Non se tiña feito nada en absoluto sobre a revisión do convenio actual ou elaboración dun novo e hoxe polo menos marcamos un calendario de reunións á volta de reis para comezar a traballar neste campo. As xuntanzas serán os primeiros e os terceiros luns de cada mes marcándonos como prazo máis ou menos inmediato a semana santa para ter rematado un novo convenio ou ben a modificación do actual”.

O alcalde comunicóulle á xunta de persoal que “é materialmente imposible, dado o estado económico do Concello, facerlle fronte ao fondo social dos traballadores para o presente ano”, unha situación que xa González Barcia lles comunicou en asamblea aos propios traballadores. O rexedor comprometéuse a non eliminalo de forma radical do convenio colectivo, “pero haberá que ver as condicións polas que se rexirá, con qué cartos se pagará e ver ata onde podemos chegar”.

Exit mobile version