Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo explicará con varios actos públicos o trazado da autovía San Cibrao Barreiros

Nota de prensa

O BNG EXPLICARÁ CON VARIOS ACTOS PÚBLICOS O TRAZADO DA AUTOVÍA SAN CIBRAO-BARREIROS NAS ZONAS DE CERVO MAIS PROXIMAS AO SEU PASO

Os nacionalistas iniciarán o próximo martes en San Román unha serie de catro actos públicos onde explicarán a resolución coa Declaración de Impacto Ambiental, resolución de alegacións e trazado da autovía.

Cervo, 23 de decembro de 2011. O BNG de Cervo iniciará o próximo martes no Tele Club de San Román unha serie de catro actos públicos para explicar aos veciños e veciñas das zonas mais próximas ao trazado da autovía de conexión San Cibrao-Barreiros a resolución publicada no BOE o pasado 13 de decembro pola que se fai pública a Declaración de Impacto ambiental, trazado e resolución de alegacións desta estrada. Os nacionalistas que xa fixeron unha campaña explicativa semellante no vrao de 2009 cando se publicou a aprobación provisional do Estudo Informativo repetirán actos en San Román, A Venta, A Senra, Castelo e Trasbar lembraron que daqueles actos xurdiron alegacións tanto individuais como colectivas e da propia corporación municipal que agora se resolven no novo documento polo que os veciños e veciñas deben coñecelas.

Catro actos públicos en San Roman, Gondrás, A Senra, Castelo e Trasbar.

O BNG xa ten solicitado no concello o uso de locais públicos na antiga escola da Venta ás 19.30 o día 28, no local social da Senra á mesma hora o día 29, na antiga escola de Castelo no mesmo horario o día 3 de xaneiro, no local social de Trasbar o día 4 e dará inicio a estes actos no Tele Clube de San Román o martes 27 de decembro ás 19.30hrs. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa García, lembrou que fai dous anos xa fixeron catro actos semellantes con motivo da publicación da aprobación provisional do Estudo Informativo desta estrada dando como froito a presentación de diversas alegacións tanto ao trazado como pola afectación de captacións de auga da que se serven numerosas vivendas en Gondrás e na Senra que agora se resolven coa nova publicación.

Nos actos explicaran como se resolven as alegacións presentadas, o trazado, estado de tramitación do proxecto e afectacións.

Dende o BNG explicaron que algunhas das alegacións non teñen unha contestación clara por parte da administración e que haberá que agardar á redacción do Proxecto Construtivo para ver como propón o promotor resolver afectacións a mananciais dos que se serven vivendas en Gondrás e A Senra así como a afectación pola cercanía de paso no Eixo e o Vilar en San Román. Ademais darase conta do grao de afección do trazado tendo en conta que esta infraestrutura será unha autovía e como tal ao marxe das dimensións finalmente construídas chega a afectar reservas de solo de preto de 250 mts establecéndose diferentes limitacións de uso.

O goberno do estado debería aclarar as contradicións existentes no documento publicado entre o texto e o mapa no tramo de Burela a Barreiros.

Estúa explicou que no estudo do documento detectouse unha contradición entre o texto que describe o trazado e o mapa publicado no tramo B entre Burela e Barreiros xa que nun caso no caso do mapa o trazado é interior e na explicación da traza os traxectos son similares á proposta publicada no vrao do 2009.

Exit mobile version