Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz denuncia que o goberno local segue a saltar a lei de contratacións

Nota de prensa

O BNG DE FOZ DENUNCIA QUE O GOBERNO LOCAL SEGUE A SALTAR A LEI NAS CONTRATACIÓNS

“En Foz non cambiou nada; antes eran os socialistas e agora os populares os que non teñen ningún respecto pola lei” declara Basanta

Foz, a 9 de novembro de 2011.- O BNG de Foz quer manifestar que o actual goberno local segue a vulnerar a Lei de contratos como o facía o anterior goberno socialista o que significa que este goberno, como o anterior, non ten ningún respecto pola lei. Esta vez referente a adxudicación a través do procedemento de contrato menor de servizos de altas no catastro de bens inmobles de natureza urbana por un importe de 13.688,00 euros á mesma empresa que estaba realizando ditos traballos.

O caso é que esta empresa xa facturou este ano noutras dúas ocasións polo mesmo servizo, concretamente unha factura do 23 de febreiro por importe de 5.954,28 euros e outra do 5 de abril por importe de 13.995,98 euros. A primeira das facturas correspóndese cun contrato adxudicado mediante Resolución do anterior alcalde de data de 1 de outubro de 2010 por procedemento negociado sen publicidade por importe de 31.000 euros e que estendeu os seus efectos entre o remate de 2010 e inicios de 2011. A segunda das facturas, por importe de 13.995,98 euros non estaba xa amparada polo contrato anterior e foi obxecto dun informe desfavorable por parte de Intervención por entender que se vulneraba o procedemento legal de contratación, sendo non obstante aprobada pola Xunta de Goberno Local de data 25 de abril de 2011.

Pois ben, para o BNG é impresentable que novamente se tramite un novo contrato menor coa mesma empresa para a realización dos mesmo servizos, contrato que segundo a Providencia da alcaldía de 13 de outubro de 2011 ascende a 13.688,00 euros. Esta claro que con esta nova contratación estase cometendo un fraccionamento ilegal de contratos o que supón causa de nulidade. A maiores disto, o que xa abondaría para determinar a improcedencia do contrato, estase a vulnerar os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade ao eludirse o procedemento correspondente de contratación, negociado ou aberto, por terse superado o importe legal para a contratación menor que é de 18.000 euros.

Para o BNG é moi grave que se sigan practicando desde o goberno municipal de Foz mecanismos de contratación irregulares e ilegais –con informes desfavorables de Intervención- sen os correspondentes expedientes de contratación obrigados por lei que abarquen a totalidade do obxecto contractual e garantan a observancia dos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, coas esixencias e contido marcadas pola Lei de Contratos do Sector Público e demais normas que a complementan.

Exit mobile version