Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo rexeita a actitude do Valedor do Pobo que pide a retirada dun libro de texto de educación primaria

Nota de prensa

COMUNICADO DO BNG DE RIBADEO N DEFENSA DA LINGUA GALEGA E CONTRA A ACTITUDE MANIPULADORA DO VALEDOR DO POBO

O BNG de Ribadeo quere mostrar o seu profundo malestar coa actitude amosada polo Valedor do Pobo cara á nosa lingua galega. Segundo informacións aparecidas ao longo destes días, este dirixiuse á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para esixirlle que se retire do mercado e das aulas nas que está en activo un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego». Tras as innumerábeis mostras contra o galego por parte da actual Consellaría de Educación, e nomeadamente do seu responsábel, non nos estraña que Xesús Vázquez acollera a petición de xeito inmediato indicando que instará á editorial a que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertindo de que en caso contrario terían que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa. Éche ben curioso: fachendean de estar moi pendentes da crise e de aforrar canto poden pero, cando se trata de recortar a presenza do galego, aí non escatiman gastos. Se hai que tirar miles de libros sen lles ter sacado proveito, pois ao lume con eles, pero que se note que eles non queren o galego, que cada vez queren agradar máis aos sectores máis ultras da sociedade española. Iso si: acto seguido, seguro que ha de aparecer outra escusa para un novo recorte no ensino público.
Consideramos impresentábel que se deslexitime o propio Estatuto de Autonomía, no que se fai constar que o galego é a lingua propia de Galicia. Esta actitude por parte da Consellaría de Educación supón unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), e é promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.
Desde o BNG de Ribadeo queremos deixar constancia pública da nosa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca se debeu ter producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberían centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción activa.
Desde BNG de Ribadeo esiximos, polo tanto, unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.

Exit mobile version