Nota de prensa
O BNG LAMENTA A AUTORIZACIÓN DO ERE DE MOBLES HERMIDA E ALERTA DAS GRAVES CONSECUENCIAS ECONÓMICAS PARA A COMARCA DA MARIÑA
O deputado Manuel Parga acusa á Consellería de Traballo de converterse “nunha xestoría e fábrica de parados”
Santiago de Compostela, 21 de decembro, 2011. O deputado do BNG, Manuel Parga Núñez lamentou hoxe a aplicación do ERE extensivo presentado pola empresa Mobles Hermida de Lourenzá e autorizado pola Consellería de Traballo e Benestar á que acusou de converterse “nunha xestoría e fábrica de parados”.
Parga lembra que o BNG defendeu unha Proposición non de lei na Cámara galega que foi rexeitada polo Partido popular. Naquela ocasión, o BNG xa reclamaba a posta en marcha de medidas concretas para a creación e consolidación de emprego nesta comarca entre as que figuraban, en primeiro lugar, “a paralización do ERE”.
Para o nacionalista, a “ineficaz” política de emprego da Xunta de Galiza confirmase unha vez máis, trala aprobación dun ERE que ao seu xuízo, provocará “un incremento nos datos de desemprego” nesta comarca e graves consecuencias económicas para os seus habitantes.
Parga Núñez criticou que a Consellería de Traballo mantivera unha posición “máis próxima” á empresa Mobles Hermida, en troques de defender aos seus traballadores/as incumprindo deste xeito,dixo, a súa principal obriga de xerar e consolidar os postos de traballo.
O deputado reiterou que existían “formulas menos traumáticas” para manter os 94 postos de traballo afectado por este ERE pero non houbo “vontade política” por parte do Partido popular nin da Consellería de Traballo.
O parlamentario do BNG avanzou que seguirá demandando planos de actuación con “medidas concretas” e non “anuncios” baleiros de contido que non contribúen a potenciar a actividade económica e laboral da comarca da Mariña.