Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta unha moción para a inclusión de actuacións en Burela nos orzamentos da Xunta de 2012

Nota de prensa

MOCIÓN PARA A INCLUSIÓN DE ACTUACIÓNS EN BURELA NOS ORZAMENTOS
DA XUNTA DE GALIZA PARA O ANO 2012

O proxecto de orzamentos para Galiza que foi presentado polo goberno do
Partido Popular reflicte perfectamente a situación que todas as galegas e galegos
padecemos dende a chegada do goberno do sr. Feijoo ao Executivo galego: a máis
absoluta falta de iniciativas e parálise dun goberno que non ten alternativas para
afrontar a crise.
E unha mostra clara disto é o que reflexan os orzamentos da Xunta para o
vindeiro ano no que a Burela se refire. Recollen unicamente dúas actuacións cun
orzamento ridículo: o acceso ao porto (dotado con 20.000 €, igual que este ano que
está a punto de acabar e onde nada se fixo nesta obra) e reformas diversas no
Hospital da Costa (dotadas con 200.000 €). Nada máis. Non hai por parte do goberno
galego do Partido Popular unha aposta polo futuro de Burela, non só en investimentos
reais senón tamén na mellora da calidade de vida dos noso veciños e veciñas.
E ante isto, o Partido Popular de Burela non di nada, cala e non se lembra da
súas reivindicacións (claramente electoralistas antes de chegar ao goberno da Xunta)
sobre o acceso ao porto ou a ampliación do Hospital. O Partido Popular cala e
confórmase con esta miseria que recollen os orzamentos da Xunta para o vindeiro
ano no que a Burela se refire. Nunca antes Burela fora tan desprezada polo goberno
autónomo, nunca antes os veciños e veciñas de Burela estiveron tan esquecidos polo
goberno galego. E isto só ten un culpable: o Partido Popular na Xunta, que se
esquece de Burela, e o Partido Popular de Burela que cala e consente.
Por todo isto, dende o BNG imos presentar para o Pleno do vindeiro luns unha
moción para incluír distintas actuacións no noso concello e pedir a súa incorporación
aos orzamentos da Xunta para o ano 2012.
Pedimos unha aposta clara e decidida polo acceso ao porto (o Partido Popular
leva máis de dous anos no goberno galego e nada fixo) e a consignación para o ano
2012 de 750.000 € para esta obra. Pedimos a ampliación do Hospital da Costa e
posta en marcha do seu Plan Director cunha partida orzamentaria de 2.000.000 €.
Solicitamos unha nova escola infantil pública para Burela e o dragado e limpeza do
encoro de Rúa, dúas actuacións que consideramos prioritarias para o noso pobo e que
non aparecen para nada nos orzamentos da Xunta.
De todas estas actuacións, o BNG presentará enmendas no Parlamento Galego.
Agardamos que, tanto en Burela coma en Santiago, o Partido Popular tamén se
acorde do noso pobo e apoie esta moción e estas nosas peticións.

Exit mobile version