Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén retoma a competición en Pamplona ante o Lacturale Orvina

Nota de prensa

O BURELA FS RETOMA A LIGA DE PRIMEIRA EN PAMPLONA CON DUELO DIRECTO PARA DESPEDIR O ANO


Despois de case un mes de parada, a liga de Primeira División Feminina volve ás pistas e o Burela FS Pescados Rubén retoma a competición en Pamplona, e nada mellor que un duelo directo, ante o Lacturale Orvina, para despedir 2011. O pavillón Ezcaba acollerá mañá a undécima xornada, a partir das 19.30 horas, entre a oitava praza navarra e a novena galega, empatadas a 13 puntos.

“Volvemos con moitas ganas” asegurou o técnico laranxa, Javier Pardeiro, que incidiu no excelente estado do cadro burelista: “Chegamos nunhas moi boas condicións á cita; durante esta parada traballamos sobre a finalización para ser máis verticais e aproveitar mellor as xogadas preto da portería”.

O estratega laranxa recoñeceu a resistencia do rival na casa: “É un equipo moi difícil na súa pista; ata agora sacou todos os puntos como local, con vitorias tan importantes como a do Ponte Ourense (4-3) na novena xornada” dixo Javier Pardeiro, que definiu o xogo das navarras como “un equipo que espera en media pista e intenta saír aos contragolpes, algo que lle está achegando bos resultados na súa cancha, coa cara oposta a domicilio, onde só conseguiron 1 de 15 puntos posibles“.

Ás filas burelistas reincorpórase Jozi baixo os paus, despois de validar o título mundial co Brasil o domingo pasado, na cidade canarinha de Fortaleza.

Lidia. A ala Lidia Mesías cumprirá un partido de sanción fronte ao Lacturale Orvina por interromper un lanzamento de xogo o 12 de novembro ante o Atlético de Madrid Navalcarnero; o CD Burela FS recibiu o comunicado da sanción da xogadora con data do 22 de novembro. En relación con isto, o Cidade das Burgas, último rival do cadro burelista -o 19 de novembro-, reclamou ante o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol a aliñación indebida das mariñás na semana seguinte ao Navalcarnero, alegando que a expulsión da xogadora laranxa, con vermella directa, carrexaba un partido de suspensión segundo o regulamento. No entanto, tal e como explicou o Comité, “se a xogadora non é sancionada nesa xornada pode disputar o encontro” e así foi, posto que nin o club nin a futbolista tiveron coñecemento oficial da devandita amoestación ata o día 22.

Exit mobile version