Nota de prensa
Desde o concello de Foz quixemos aproveitar esta ocasión para render o noso propio homenaxe a tódolos náufragos que o mar de Foz deixou para a historia, neste caso representado polos doce homes que aquel 18 de xullo de 1945 deixaron as súas vidas no mar.
Así pois, este sábado 10 de decembro, ás 19 h. no Cenima de Foz, inauguramos a exposición “O Jesús Nazareno: Foz e o Mar, historia dunha traxedia. Unha lembranza a tódolos náufragos de Foz”.
Esta exposición non tería sido posible sin a total colaboración do propio pobo de Foz, totalmente implicado no proxecto, e que supón un importante exercicio de recuperación da memoria histórica da nosa vila. Con esta mostra queremos reflectir ese estreito vencello que Foz sigue tendo co mar, por iso, o “Jesús Nazareno” vai estar acompañado dunha nutrida flota de maquetas de barcos de Foz, que a bon seguro van traer recordos doutros tempos.
—-
O NAUFRAXIO DO “JESÚS NAZARENO”:
CRÓNICA DUNHA TRAXEDIA
O naufraxio do “Jesús Nazareno” é a maior traxedia que recorda o mar de Foz, e aínda 66 anos despois, a súa lembranza causa un fondo pesar na memoria colectiva do noso pobo. O sinistro deixou oito viúvas e 24 orfos e familias enteiras desfeitas pola dor.
O 18 de xullo do ano 45, a motora saíu do porto de Foz rumbo NNE, aparellada para comezar a costeira do bonito. Tiñan pensado partir ó día seguinte da festa do Carmen, pero era martes e polo aquel do mal agoiro decidiron esperar ata o día seguinte.
O Nazareno tiña unha dotación de 14 homes, mais a última hora dous deles decidiron quedarse en terra. Patroneaba a embarcación José Ramón Fraga Pérez, “Lacón”, 46 anos, casado e con 10 fillos. Acompañábao a seguinte tripulación:
Inocente Fraga Pérez, irmán do patrón, mecánico. 33 anos, casado e con 4 fillos.
Ramón Fraga Couto, fillo do patrón. 25 anos, solteiro.
Eduardo Fraga Couto, fillo do patrón. 16 anos, solteiro.
José Mª Couto Navarro, “Quere”, cuñado do patrón. 24 anos, solteiro.
Ramón Lorenzo Fernández Doval, “O Legionario”. 51 anos, casado, con 3 fillos.
Eugenio Bustamante Eizaguirre, “O Laredano”. 37 anos, casado, con 4 fillos
José Manuel López Posada, “O Pechereno”. 41 anos, casado, con 1 fillo.
José Antonio Rodríguez Ríos, “O Pisón”. 35 anos, casado, con 1 fillo
Gerardo E. Pérez Gradaílle, “Vivero”. 35 anos, casado, sen fillos.
José Ramón López Fraga, “Minés”, 15 anos, solteiro.
José Oroza Pedreira, “O Lagarexo”. 37 anos, casado, con 3 fillos.
Despois de seis horas de navegación, cando estaban a unhas 30 millas á altura de cabo Burela, desencadeouse de súpeto unha unha galerna, que obrigou a tódalas embarcacións a poñer proa cara os portos máis próximos para buscar refuxio.
Esa foi a última vez que se veu ó Jesús Nazareno.
As autoridades de Marina comunicáronse inmediatamente cos portos de todo o litoral español e aínda das costas de Francia e Inglaterra, para averiguar o paradoiro da motora. Confiábase en que a pericia do patrón, home de mar experimentado, e a fortaleza da embarcación lles fixeran arribar a bo porto. Pero a feble esperanza das familias mudou en traxedia cando, o 23 de xullo, chegou noticia desde o porto asturiano de Candás do achádego da cuberta dunha escotilla do Nazareno.
Como causa do accidente, crese que o Nazareno forzou o motor axudándose das velas para gañar con rapidez a costa, o que provocou o afundimento das “boniteiras” ou almadrabas coa conseguinte perda de estabilidade da embarcación.
De toda a tripulación, somentes se puido recuperar o corpo do “Legionario”, Ramón Lorenzo Fernández Doval.
A nova causou unha fonda conmoción no pobo de Foz, pero especialmente no barrio mariñeiro da Ribeira e do Campo da Cabana, de onde eran tódolos seus tripulantes, agás un. Nove deles eran veciños dunha mazá na que daquela había 14 homes.
A magnitude da traxedia obrigou ás autoridades locais -Concello, Pósito de Pescadores e Sociedade de Socorros Mutuos- á constitución dunha comisión para xestionar unha suscrición en auxilio das familias dos náufragos. A esta iniciativa sumáronse aportacións particulares como a do industrial local Damián López, con 10.000 ptas.
As autoridades estatais sumaron as súas contribucións a través de axudas do Ministerio de Traballo, o Instituto Social da Marina e a súa filial, a Mutualidad de Accidentes do Mar. Aínda o Caudillo fixo un donativo á causa de 15.000 ptas.
Esta foi a traxedia dun tempo pasado, máis é unha traxedia de todos, que non debe nin pode ser esquecida.
Vaia por todos eles o noso recordo.