Site icon Crónica3.com A Mariña

O fútbol sala laranxa pon o broche de 2011 en Vista Alegre coa visita do UPV Maristas Valencia

Nota de prensa
UPV MARISTAS VALENCIA, BROCHE DE 2011 EN VISTA ALEGRE

O fútbol sala laranxa pon o broche de 2011 en Vista Alegre coa visita do UPV Maristas Valencia, na décimo cuarta xornada da Segunda División. A bomboneira abrirá o espectáculo mañá, ás 18.30 horas. “Non vai ser un partido apracible” aseverou o ala-pivote burelista Dani Martín, marca goleadora do CD Burela FS Pescados Rubén e da liga, que con nada máis e nada que 16 dianas en 13 xornadas foxe dos méritos atribuíndolle á ‘sorte’ a súa capacidade goleadora: “Intento axudar os compañeiros e sacrificarme por eles, na dinámica lóxica dun equipo, e a miña recompensa converteuse en estar acertado de cara á portería, aínda que todas as tarefas son igual de importantes”.

O xogador salmantino destacou as calidades do cadro valenciano, nunha ‘inxusta’ undécima praza, con 15 puntos. “É un conxunto moi aguerrido que polo seu potencial non está onde debería. Posúe un cadro compacto, que leva anos xunto e que ten moi claro o seu xogo; cada ano as incorporacións adáptanse sen problemas a unha dinámica moi asentada”, analizou Dani.

Os levantinos chegarán moi animados á cita co obxectivo de rematar 2011 en postos de play off, co oitavo posto a 3 puntos. Os últimos resultados na liga, cunha vitoria e dous empates nas últimas tres xornadas, e a sorpresa  da Copa do Rei, eliminando o Benicarló de Primeira, danlles alas nesta nova afronta. Como contrapunto preséntase o hándicap do visitante, xa que o Maristas aínda non conseguiu impoñerse lonxe da casa.

Dani Martín recoñeceu a motivación dos laranxas, que dende a sexta posición (20 puntos) poden acariñar o podio, a tan só 2 puntos. “Para nós é moi importante pechar o ano cunha vitoria, para non desengancharnos dos postos altos e chegar ás vacacións de Nadal con esa tranquilidade; unha derrota traería bastantes preocupacións para o equipo”, dixo o salmantino.

Entre os desexos do pichichi do CD Burela FS, lideran o ‘top ten’ para 2012 “manter a liña individual que me está dando acerto na portería nun equipo no que atopo moi cómodo e, colectivamente, encontrarnos cada un dos xogadores con nós mesmos para chegar a esa regularidade lonxe da casa que se nos resiste desde principios da tempada e poder brindarlle á afección a alegría de estar entre os mellores”.

Un xoguete, unha ilusión. Todas as persoas interesadas poderán contribuír co seu gran de area na campaña de recollida de xoguetes da Cruz Vermella “Un xoguete, unha ilusión”, na que colabora a peña A Pataca Naranxa. Así, poderán depositar os seus agasallos no pavillón Vista Alegre este sábado coincidindo co encontro da Segunda División e, ata o 20 de decembro, de luns a venres polas tardes. A Pataca Naranxa tamén dispón dun servizo de recollida a domicilio (número de contacto: 607 74 87 86).

Exit mobile version