Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo defende a gratuidade da sanidade pública e a asistencia sanitaria para as persoas sen recursos

Nota de prensa

VERDADES E MENTIRAS SOBRE OS SERVIZOS SOCIAIS BÁSICOS

O PP de Ribadeo defende a gratuidade da sanidade pública e a asistencia sanitaria para as persoas sen recursos, e argumenta en favor do novo Plan Concertado da Xunta de Galicia que suporá unha mellora na organización, na planificación e na financiación para os Concellos

É un feito que hai unha reducción importante por parte da Xunta e é certo tamén que estes recortes afectan a tódalas facetas da Administración, pero afirmar as porcentaxes que en materia social predican algúns resulta cando menos escandaloso e demagóxico.
En febreiro de 2011 o presidente da Xunta blindaba o investimento de 47 millóns de euros en servizos sociais coa aprobación do Plan Concertado, a pesar da reducción do orzamento para Galicia dun 11%. En novembro garantiu no Parlamento que ningunha persoa sen recursos quedará sen asistencia sanitaria en Galicia, e pediu ó resto de forzas políticas que deixaran de enganar ós galegos. O ano pasado, con respecto ó anterior o plan concertado medrou en máis dun 30% a asignación presupostaria asignada. O descenso debeuse a que o Estado (apoiado polo BNG) non cumpriu a súa parte con respecto ós orzamentos: dos 360 millóns de euros, orzamento total destinado á dependencia en Galicia para este ano, 96 millóns son postos polo Estado (46 menos que en 2008) e o restante pola Xunta de Galicia. Ademais, o total do orzamento destinado á dependencia nos últimos catro anos ascendeu en Galicia a preto de 940 millóns de euros, dos que 622 foron achegados pola Xunta (o 77% desta cantidade nos dous últimos anos), o que significa que o Goberno galego achega dous terzos do total do financiamento á dependencia. En Galicia neste ano estánse a atender a 37.000 persoas máis en situación de dependencia, tres veces máis que fai dous anos, e isto supón que os mesmos recursos aportados desde o Goberno do Estado, e xa reducidos, deben ser repartidos para dar dita cobertura. Esta situación dase como consecuencia dun incumprimento do Goberno central que cofinancia estas axudas coas administracións autonómicas e que supuxo un recorte de maís do 10%. Asimesmo hai outra reducción do 5% na axuda ós traballadores sociais que se corresponde coas nóminas dos traballadores vinculados a este programa e que aplicóuselles coma a tódolos demais funcionarios.
Os dereitos de tódolos cidadáns seguen a ser os mesmos, e a discusión en torno á tarxeta sanitaria non ten base real ningunha. A persoa que queda no paro pasa, agora directamente por Decreto de Sanidade, a outra situación administrativa pero, en ningún momento, quedan conculcados, diminuidos ou anulados os seus dereitos de asistencia sanitaria. Este é un principio de dereito que non variou e que algúns insisten maliciosamente en desvirtuar. O que se debe decir con total seguridade é que Galicia é a única comunidade que garante de oficio a asistencia sanitaria.
Tamén se debe explicar que a Xunta ven de aprobar un NOVO DECRETO que se aplicará a principios do 2012, que permitirá un Plan Concertado dos servizos sociais mellor organizado, mellor planificado, e cun mellor financiamento. Establécense ademais dúas fórmulas de financiamento diferenciadas: por unha banda, as axudas para prestación de servizos sociais básicos, e por outra para a axuda no fogar para persoas dependentes, que se liquidará trimestralmente e non nunha orde anual como ata o momento. Con este Decreto priorizaranse as axudas a aqueles concellos que se coordinen para prestar servizos dunha forma mancomunada, pola súa aposta pola eficiencia, a eficacia e a non duplicidade de recursos. Un decreto ademais que se crea cunha vixencia indefinida e que dotará dunha maior e máis rápida liquidez ás arcas dos Concellos, de tal forma que no primeiro cuadrimestre do ano haberá un anticipo de ata a metade das axudas que lle correspondan co único requisito de telo solicitado e cunha aportación mínima de documentación (elimínase así o farragoso proceso de tramitación de expedentes).
Non estamos nunha situación ideal, pero tódolos esforzos da Adminsitración deben ir encamiñados a saír desta negativa situación económica defendendo os dereitos dos cidadáns; e tódalas formacións políticas teñen o deber de informar claramente á cidadanía para evitar actitudes confusas e rumores infundados. Desde o Partido Popular de Ribadeo queremos alentar a todos e a todas para manter a esperanza nunha forma de gobernar que revertirá en beneficio da comunidade.

Exit mobile version