Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo pide serenidade para abordar os problemas de seguridade no concello

Nota de prensa:
O G.M. DO PP PÍDELLE AO ALCALDE E AO SEU EQUIPO DE GOBERNO SERENIDAD E REFLEXIÓN Á HORA DE ABORDAR A PROBLEMÁTICA DA SEGURIDADE NO NOSO CONCELLO.

A recente oleada de roubos que se produciron na nosa da vila, sendo un dos feitos que maior preocupación xera aos nosos veciños non é un feito novo senón que é un suceso que desgraciadamente se ven repetindo periodicamente ao longo dos últimos tempos, o que ven a amosar que o traballo desenvolvido ate o de agora non deu o resultado que debera.

É o Concello de Ribadeo quen ten a responsabilidade de impulsar e coordinar as actuacións que permitan garantir e preservar a seguridade na vida dos Ribadenses, polo que, tralo acontecido, o Alcalde e o equipo de Goberno deben asumilas súas propias responsabilidades e non buscar responsabilidades alleas, é momento de que dende o Concello se faga unha valoración do traballo que se ven desenvolvendo dende esta Institución neste eido para acadar unha solución ao problema.

Desgraciadamente os feitos veñen a amosar que ata o de agora dende o Concello non se fixo nada o respecto, sendo o único constatable, e sempre, a través dos medios de comunicación, os lamentos do Alcalde cada vez que suceden feitos semellantes, lamentos que logo, co paso do tempo se esvaecen quedando no esquecemento, pero sen que dende a Administración Municipal se tomen medidas posteriores encamiñadas a impulsar a busca da solución deste grave problema.

Tralos feitos como os acontecidos é que os nosos Gobernantes deben amosar serenidade nas súas actuacións debendo transmitir aos veciños un sentimento de tranquilidade e sosego. Dende o noso Grupo entendemos que a procura de solucións debe pasar por una actuación conxunta entre as Administracións, Institucións, … con responsabilidades na materia, sendo rexeitable que a primeira actuación do noso Alcalde fora acudir á prensa, para descargar responsabilidade propia facendo responsables a outras Institucións e poñendo en entredito o seu traballo.

Momentos como éste precisan do sosego e templanza dos nosos gobernantes, evitando verter nos medios de comunicación manifestacións estridentes e fora de ton, que o único que fan é crear un clima de enfrontamento entre Institucións que para nada contribúe para devolver aos nosos veciños o sentimento de seguridade e confianza que feitos como os acontecidos lles arrebataron.

É momento de colaborar e cooperar entre todos, Administracións, Institucións, asociacións, veciños … ata o último de nós ten a responsabilidade de colaborar na procura de solucións que poña fin a esta grave situación que non é nova para nosa vila. É responsabilidade do Concello ofrecer, que non esixir, esa colaboración e cooperación; é a súa responsabilidade vir coordinando de diario esforzos e actuacións e non esperar a que acontezan feitos coma os que estamos a falar; é a súa responsabilidade eliminar atrancos e non crealos, xerando coa súa actuación malas relacións con outras administracións das que en todo caso dependemos.

Dende o G.M. do PP pedímoslle o noso Alcalde e ao equipo de goberno que tomen a iniciativa e impulsen a procura de solucións que lle devolvan aos veciños a confianza e seguridade de que as súas vidas e bens están protexidos, pero sempre dentro do respecto ao traballo e as actuacións das outras Institucións con responsabilidade na materia.

Dende o G.M. do PP cremos que entre as primeiras medidas que tralo acontecido deberan terse tomado dende a Alcaldía (e antes de acudir aos medios de comunicación) sería convocar aos Grupos Municipais e informalos da situación e das actuacións que se están a impulsar dende o Concello para entre todos poder contribuír a buscar a solución dun problema que afecta por igual a tódolos veciños, a uns e outros, calquera que sexa a súa ideoloxía, pero non se fixo, co que cremos que se desperdiciou unha boa oportunidade para poder transmitir aos nosos veciños o rexeitamento de toda a Corporación Municipal fronte a estes feitos, e a seguridade de que todos estamos implicados na tarefa de recuperar o clima de seguridade e confianza que precisamos para que as nosas vidas volten ao seu ritmo normal. Non obstante, dende o G. M. do PP queremos amosar o noso ofrecemento para colaborar e cooperar co Concello e co resto das Administracións Públicas e Institucións sobre as que recae a responsabilidade de garantir a seguridade dos nosos veciños, para entre todos acadar solucións ao problema e levar a cabo actuacións que permitan garantir a calidade de vida que merecen os nosos veciños.

Exit mobile version