Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que insta á Xunta a promover medidas de creación de emprego en Mondoñedo e Lourenzá

Nota de prensa

Os populares amosan a súa grande preocupación pola situación dos traballadores da Mariña central afectados polas malas novas sobre os peches e despedimentos anunciados nas últimas semanas e trasladan iniciativas de apoio a este colectivo no Parlamento galego e concellos

O PP insta á Xunta a promover medidas de recuperación produtiva e creación de emprego en Mondoñedo e Lourenzá

Piden reforzar as políticas activas no ámbito laboral, para orientar, formar e insertar profesionalmente aos parados así como medidas de impulso de novas oportunidades empresariais na zona e de autoemprego.

Para o PP o combate a esta situación obriga a unir esforzos entre administracións de distinto tipo (autonómica, locais, provincial e estatal), axentes sociais e empresariais e por desterrar as políticas que fixeron de España o líder europeo en destrución de emprego.

A Mariña, 8 de decembro de 2011.- O Partido Popular insta ao Goberno galego a poñer en marcha as decisións e mecanismos oportunos dirixidos á recuperación produtiva e á creación de novas oportunidades laborais na comarca da Mariña central e nomeadamente nos concellos de Mondoñedo e Lourenzá. Con este obxectivo presentou sendas iniciativas tanto no Parlamento de Galicia como nos dous plenos municipais destes concellos que hoxe mesmo deron a coñecer os deputados populares Jose Manuel Balseiro e Emma Álvarez e os dirixentes do PP local Vidal Martínez Sierra e Elena Candia.

Os populares amosan a súa preocupación pola sucesión de malas noticias relacionadas co peche de empresa e despedimentos que afectan aos traballadores desta comarca e nomeadamente dos concellos de Lourenzá e Mondoñedo, e xa adiantan que trasladaron varias iniciativas de apoio a este colectivo diante da administración autonómica.

MEDIDAS ACTIVAS

Na súa proposta os populares piden reforzar as políticas activas no ámbito laboral -naqueles espazos nos que é competente a Xunta- para orientar, formar e insertar profesionalmente aos desempregados así como medidas de impulso de novas oportunidades empresariais na zona que contribúan á creación de novos postos de traballo e ao apoio do autoemprego. Neste ámbito concreto sinalan os beneficios aos que poden acollerse no marco do programa Impulsa Lugo.

Os populares creen necesario reforzar na Mariña central distintas accións, como son as destinadas á reflectir as necesidades específicas das empresas locais, accións formativas con compromiso de contratación ou programas públicos tales como obradoiros, cursos, … etc. que unan emprego e formación e que permitan incrementar a empregabilidade das persoas afectadas polos despedimentos.

XUNTANZA CO COMITÉ DA EMPRESA ECAR

Precisamente no día de hoxe unha delegación do Partido Popular mantivo unha xuntanza co comité de empresa de ECAR en similitude coa que mantiveron nas pasadas datas cos representantes dos traballadores de Muebles Hermida. Nela os populares trasladaron o apoio desta formación política ao persoal destas compañías e as distintas iniciativas desenvolvidas ata o momento.

Sen espazo para a dúbida, os populares consideran que o combate a esta difícil situación obriga a unir esforzos entre administracións de distinto tipo (autonómica, locais, provincial e estatal), axentes sociais e empresariais, todo elo coa finalidade de impulsar decisións e mecanismos dirixidos á recuperación produtiva e á creación de novas oportunidades laborais nesta comarca ao mesmo tempo cómpre desterrar as políticas que fixeron de España o líder europeo en destrución de emprego.

Exit mobile version