Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o goberno da Deputación non consensuou o plan de emprego na Mariña

Nota de prensa:

Detrás da postura inmobilista e contraria ao consenso do Goberno provincial está un intento de aproveitar politicamente a difícil situación pola que pasan as persoas que perderon o seu posto de traballo e excluír ao organismo provincial de participar conxuntamente con outras administracións na procura de solucións

Elena Candia lamenta que o bipartito provincial rachara o consenso sobre a posta en marcha dun plan de emprego na Mariña

Socialistas e nacionalistas negáronse a asumir o acordo aprobado por unanimidade das tres forzas políticas no pleno municipal de Mondoñedo e que o PP propuxo como alternativa de consenso.

Lugo, 27 de decembro de 2011.- A portavoz do Partido Popular de Mondoñedo, Elena Candia, vén de lamentar que o bipartito provincial rachara o consenso existente ata o momento ao respecto da posta en marcha dun plan de emprego na Mariña lucense. Segundo explicou socialistas e nacionalistas negáronse a asumir na Deputación o texto do acordo aprobado por unanimidade das tres forzas políticas no pleno municipal de Mondoñedo, e cuxo contido o PP propuxo como acordo alternativo e de consenso.

PLAN DE EMPREGO

A proposta dos populares reproducía literalmente o acordo municipal acadado o 10 de decembro, no que se lle instaba ao grupo empresarial FINSA a reconsiderar a súa decisión de pechar a factoría ECAR e a estudar posibles alternativas para garantir a súa continuidade e a dos postos de traballo a ela aparellados. Ao mesmo temo se lle pedía ás administracións competentes ( nomeando de xeito expreso á Xunta de Galicia, á Deputación e ao Estado ) a formular un plano de desenvolvemento industrial con apoio público para contribuír á dinamización económica da comarca e, nomeadamente, dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá.

Malia que socialistas e nacionalistas si votaron a favor deste acordo no Pleno de Mondoñedo decidiron cambiar de postura no debate acontecido esta mañá no Pleno da Deputación provincial, cerrando as portas ao consenso e obrigando ao PP a absterse na votación final.

APROVEITARSE DAS DIFICULTADES

Elena Candia considera que detrás da postura inmobilista e contraria ao consenso do Goberno provincial está un intento de aproveitar politicamente a difícil situación pola que pasan as persoas que perderon os seus postos de traballo, así como tamén a pretensión do bipartito de excluír á Deputación de participar conxuntamente con outras administración na procura de solucións para estes traballadores.

A líder dos populares mindonienses asegura que seguirán esforzándose e propoñendo alternativas en defensa do emprego e da recuperación produtiva da Mariña lucense e moi particularmente dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá afectados por varias crises empresariais. Precisamente lembra que será mañá cando no Parlamento de Galicia se debata unha iniciativa popular que ten por obxecto pedirlle á Xunta que poña en marcha un plan de emprego. Alí espera que non aconteza como na Deputación e que, polo tanto, sexa posible acadar un acordo unánime.

Exit mobile version