Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación comprométese co comité de ECAR a defender ante a Xunta os 62 empregos

Nota de prensa

O Presidente comprométese co comité de ECAR en Mondoñedo a defender ante a Xunta o mantemento dos 62 empregos da planta

– Besteiro recibiu este venres no Pazo de San Marcos a representantes dos sindicatos UGT, CC.OO. e CIG, ós que lles expresou o seu total respaldo e a súa enorme preocupación polo posible peche doutra empresa na Mariña, “un dos motores da provincia”

– O mandatario provincial ve “difícil de entender que cerre unha fábrica sen problemas económicos, rendible e cunha alta produtividade”

– O Goberno provincial levará unha proposta ó pleno do próximo martes na que insta á Xunta a poñer en marcha un plan de emprego na Mariña, axudas a desempregados, e medidas de impulso ós autónomos e para fomentar o consumo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este venres no Pazo de San Marcos un encontro co comité de empresa da planta de ECAR en Mondoñedo, ó que lle expresou o compromiso do organismo provincial de defender ante a Xunta de Galicia o mantemento da fábrica e dos seus 62 postos de traballo. “Instaremos á Xunta a que tome este asunto coa importancia debida e necesaria, non simplemente como un mero trámite ou procedemento, porque se están acumulando os peches na zona da Mariña, que é un dos motores da provincia”. O Presidente amosou o seu total respaldo ós representantes dos sindicatos UGT, CC.OO. e CIG cos que se reuniu, ademais de compartir a súa “enorme preocupación e temor pola situación futura, pois se pecha ECAR pérdese un centro de traballo moi importante para a área de influencia de Mondoñedo e Lourenzá, é dicir, unha gran parte da Mariña”.

Así mesmo, Gómez Besteiro afirmou que “para os veciños da provincia resulta difícil de entender como, nestes tempos difíciles, pode pechar unha empresa que non ten problemas económicos, que está sendo rendible e unha alta produtividade, e que simplemente por algunha cuestión relacionada coa deslocalización dos seus centros de traballo decide cerrar”.

Os portavoces dos sindicatos que participaron na reunión co Presidente foron: Antonio Niño, pola CIG, José Antonio Cabo, por CC.OO., e Luis Cardoso, pola UGT. Trala xuntanza, subliñaron que o peche de ECAR “é un grave problema que non só afecta a Mondoñedo, se non á sociedade e á economía de toda a comarca da Mariña”, ademais de considerar que “a Xunta deberá recapacitar e poñerse do lado dos traballadores porque está aprobando EREs sen estar realmente xustificados, pois son de empresas que non teñen problemas económicos”.

A Deputación reclama un plan contra a crise

Consciente da difícil situación que atravesa a comarca mariñana, trala redución do plantel de Muebles Hermida en 75 traballadores, o concurso de acredores do Grupo Mon, a principal empresa do sector da construción da zona, e a situación de ECAR, o Goberno provincial levará precisamente ó próximo pleno ordinario, convocado para o martes 27, unha proposta na que demanda á Xunta de Galicia as seguintes medidas para combatela crise na Mariña:

A posta en marcha dun plan de recuperación do emprego e da actividade económica na Mariña, destinando a tal fin unha contía económica específica dentro das contas públicas.
Planos de Acompañamento Social para aquelas persoas que se atopan en situación de desemprego, a comezar por aquelas que se atopan sen cobrar ningún tipo de prestación, de cara a amortiguar a súa situación, pero tamén favorecer a súa inserción laboral.
Apertura de liñas de financiamento específicas a conta do IGAPE para todos aqueles autónomos e PEMES da comarca que se atopan atrapados en concurso de acredores e que como consecuencia dos mesmos a súa viabilidade está en risco.
Un plan de choque que fomente o consumo a fin de evitar o peche de centos de pequenos negocios.

Exit mobile version