Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo asegura que non se encontrou antes a avaría da auga porque o alcalde negou o problema

Nota de prensa:

OS SOCIALISTAS ASEGURAN QUE NON SE ENCONTROU ANTES A AVARÍA PORQUE O ALCALDE INSISTIU EN NEGAR O PROBLEMA

-Destacan que “levamos así tres meses pola deixadez do señor Villares, pois non activou os dispositivos necesarios para solucionar o asunto cando tiña que facelo”

-O GMS insiste en ver os resultados das analíticas, pois “solicitámolos en setembro e seguimos esperando. Estamos no noso dereito”

CERVO, 5 DE DECEMBRO. O Grupo Municipal Socialista agradece que o equipo de goberno se dignase por fin a recoñecer a existencia do problema que está ocasionando a turbiedade da auga. “Dende o mes de setembro levamos insistindo en que se buscase a avaría para darlle solución. Dende o goberno negábase o asunto como se non pasase nada”.

Os socialistas subliñan que “se realmente admiten agora que hai un problema técnico é que xa o sabían, pois ninguén cre que os técnicos tardasen tres meses en encontralo. O problema foi a deixadez do goberno, que non activou os dispositivos necesarios para resolver o problema cando tiña que facelo. Dende o GMS alertamos do tema dende o principio pero está claro que negando os problemas, non se solucionan”.

Os membros do GMS de Cervo alégranse de que o señor Villares non siga tratando de tontos ós veciños e aseguran que “se son capaces de mentirnos cunha situación tan evidente, pois todos vemos como sae a agua das nosas billas, qué farán con outros moitos asuntos municipais dos que os veciños non están ó corrente.”

Á espera das analíticas

Dende o goberno insisten en tranquilizar a poboación con que a auga é potable, “pero por moi potable que sexa é moi desagradable beber, cociñar ou asearse coa auga neste estado, sexa saudable ou non”. Os socialistas lembran que “xa en setembro solicitamos ver os resultados das analíticas. Tres meses despois seguimos esperando. Como temos todo o dereito a acceder a esta información e o señor alcalde ten obrigación de facilitárnola, pedímoslle públicamente, unha vez máis, estes resultados. Non entendemos o oscurantismo da súa actitude”.

Exit mobile version