Nota de prensa
VEIGA ESIXE Á XUNTA “UN PLANO DE EMPREGO PARA A MARIÑA”
O VICEPRESIDENTE DENUNCIA “QUE A CRISE ESTÁ A COLOCAR A COMARCA NUNHA SITUACIÓN LÍMITE”
Antonio Veiga referiuse á actual vaga de despedimentos e de feches de negocios e de empresas, que vai co conxunto dos veciños da zona até o punto de que ninguén está á marxe do que acontece. “Se ben hoxe as miradas se centran en ECAR ou Hermida, Mon ou Sargadelos, estes catro centros de traballo non son máis que a punto do iceberg do que había pero sobre todo do que ven polo que non hai sitio para ficar quietos e non actuar. Neste sentido urximos aos responsábeis da Xunta de Galiza a que rachen coa pasividade coa que están a actuar, unha actitude que podemos definir co “non sabe, non contesta” nuns casos e noutros, claramente, coa colaboración activa no desmantelamento dos centros de traballo da zona. A día de hoxe, estamos a falar da desaparición de preto de 200 empregos así como da redución de xornada e tamén de salario doutro grande número de traballadores no complexo de Sargadelos. Alén disto, non podemos deixar de pensar na situación de centos de autónomos e PEMES, pequenos negocios e estabelecementos hostaleiros, abonda como dado que desde abril de 2009 o desemprego aumentou na Mariña en máis dun 40%” – afirmou Veiga.
Nesta liña, o vicepresidente esixiu “compromisos claros por parte da Xunta de Galiza co emprego e co presente económico da Mariña. Estamos nunha situación limite que non ten marcha atrás, cunha Comarca en almoeda do que son un bo exemplo os dados de emprego de novembro e que vai camiño do monocultivo empresarial”.
Veiga expuxo que “polo tanto demandamos en primeiro lugar que o Goberno Galego poña en marcha un plano de incentivación do emprego para a comarca da Mariña. En segundo lugar demandamos Planos de Acompañamento Social para aquelas persoas que se atopan en situación de desemprego, a comezar por aquelas persoas que se atopan sen cobrar ningún tipo de prestación, de cara a amortiguar a súa situación pero tamén de favorecer a súa inserción laboral. En terceiro lugar demandamos liñas de financiación a conta do IGAPE para todos aqueles autónomos e PEMES da Comarca que se atopan atrapados en concursos de acredores e que como se consecuencia dos mesmos a súa viabilidade está en risco. E xa por último demandamos a posta en marcha un Plano de Choque que fomente o consumo a fin de evitar o feche de centos de pequenos negocios”.