Nota de prensa:
VEIGA INSTA AO PP A ESTAR “Á ALTURA DAS CIRCUNSTANCIAS E APOIAR O PAQUETE DE MEDIDAS ANTICRISE PARA A MARIÑA”
No pleno de mañá debaterase a proposta de acordo na que a Deputación instará á Xunta de Galiza a que tome unha serie de medidas concretas encamiñadas a paliar a grave situación económica na comarca da Mariña
Veiga afirmou que “queremos que o PP apoie esta iniciativa e que non se quede nun mero xesto de cara á galería nin un brinde ao sol, senón que se concrete en feitos xa que é o PP quen ten responsabilidades de goberno no goberno do país”
Lugo, 26 de decembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, instou esta mañá ao PP a estar “á altura das circunstancias e apoiar o paquete de medidas anticrise para a Mariña”, que se debaterá mañá no pleno da Deputación. Esta iniciativa parte do BNG, aprobada polo equipo de goberno, e nela ínstase a dirixirse á Xunta de Galiza para que o executivo galego poña en marcha un plano de incentivación do emprego para a comarca da Mariña. En segundo lugar demándanse Planos de Acompañamento Social para aquelas persoas que se atopan en situación de desemprego, a comezar por aquelas persoas que se atopan sen cobrar ningún tipo de prestación, de cara a amortiguar a súa situación pero tamén de favorecer a súa inserción laboral. En terceiro lugar, liñas de financiación a conta do IGAPE para todos aqueles autónomos e PEMES da Comarca que se atopan atrapados en concursos de acredores e que como se consecuencia dos mesmos a súa viabilidade está en risco. E xa por último, a posta en marcha un Plano de Choque que fomente o consumo a fin de evitar o feche de centos de pequenos negocios
Veiga afirmou que “queremos que o PP apoie esta iniciativa e que non se quede nun mero xesto de cara á galería nin un brinde ao sol, senón que se concrete en feitos xa que é o PP quen ten responsabilidades de goberno no goberno do país”. E por iso, nesta liña, Veiga demandou “claridade” por parte dos populares, “que escapen do dobre discurso de por un lado afirmar que queren xerar emprego e por outro estar a dar a súa aprobación aos diferentes ERES no Parlamento Galego”.
Por todo isto, Antonio Veiga afirmou que “é o PP quen ten que dar agora a cara fronte á cidadanía que está sufrindo na súa pel a crudeza da crise nunha comarca como A Mariña na que nos últimos meses se produciu unha vaga de despedimentos en grandes empresas”. Así, afirmou Veiga, “continuaremos a esixir do PP que cumpra co seu papel á fronte da Xunta de Galiza e faga valer as súas competencias para poñer en marcha aquelas medidas que traten de evitar a destrución de máis postos de traballo na Mariña e no conxunto de Lugo, tal e como recollemos neste acordo que penso que debería ser unánime”.