Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación presentou as actividades que a Tradescola desenvolverá en Viveiro

Nota de prensa 1/2

NTONIO VEIGA PRESENTOU AS ACTIVIDADES QUE A TRADESCOLA DESENVOLVERÁ EN VIVEIRO

A actividade consistirá nun concerto didáctico para máis de 700 escolares no teatro Pastor Díaz de Viveiro que terá lugar o vindeiro xoves 15 de decembro

Antonio Veiga, destacou o “importantísimo traballo de formación e difusión da música tradicional galega que a Tradescola está a desenvolver desde a súa posta en marcha”

LUGO, 13 de decembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, xunto a Olaia Casas, concelleira de Cultura, Ensino e Turismo de Viveiro, e Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola, presentaron esta mañá na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo as actividades didácticas que a escola de música tradicional, Tradescola, levará a cabo o vindeiro xoves 15 de decembro en Viveiro.

Estas xornadas que se organizan agora en Viveiro, e que xa se fixeron en anteriores ocasións noutras comarcas lucenses, teñen como fundamento espallar por todo o territorio das comarcas lucenses o traballo de dinamización da música tradicional máis aló da sede da Tradescola, en Lugo. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, destacou o “importantísimo traballo de formación e difusión da música tradicional galega que a Tradescola está a desenvolver desde a súa posta en marcha” e ratificou a filosofía de traballo da Vicepresidencia Primeira e da súa Área de Cultura e Turismo da Deputación, “desenvolvendo proxectos coma este que ofrecen á sociedade, incluíndo desde os nenos e nenas en idade escolar até o público adulto, a posibilidade de achegarse ao estudo da nosa tradición e cultura, que non é outra cousa que a identidade que nos une como galegos e galegas”.

Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola, explicou pola súa banda que “nesta actividade, que se desenvolverá o vindeiro xoves, preto de 700 alumnos de infantil e primaria dos centros CEP Lois Tobío, EEI San Roque e CPR Landro achegaranse ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro para aprender e desfrutar cun concerto didáctico impartido polos mestres Bruno Villamor, Andres Penabad e Xose Lois Romero, e no que se lles amosará a evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos séculos e os distintos ritmos, instrumentos e melodías máis características da música tradicional e popular galega. O alumnado será divido por idades e realizaranse tres pases do concerto didáctico por razóns de espazo, xa que así o esixe o alto número de nenos e nenas participantes (700 aprox.), o máis alto de todas as actividades desenvolvidas até agora pola Tradescola.

A través de estas actividades, que se iniciaron coa posta en marcha da Tradescola no ano 2008, fíxose posíbel que máis de 1500 escolares de concellos como Ribadeo, Monforte, Vilalba, Sarria, Chantada, Mondoñedo, Lugo, ou A Fonsagrada, entre outros, se achegaran a música tradicional e coñeceran de primeira man os sons dos nosos instrumentos, os distintos ritmos, formacións e as distintas melodías existentes na nosa cultura tradicional. Estas accións formativas continuarán realizándose en periodos trimestrais para conseguir chegar aos numerosos centros e asociacións demandantes deste tipo de actividades.

Pola súa parte, Olaia Casas agradeceu que tanto a Tradescola como a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo escollesen Viveiro para levar a cabo esta actividade formativa de raíz musical e afirmou que “a Concellería de Cultura de Viveiro estará sempre disposta a poñer os medios necesarios para artellar esta colaboración e poder desenvolver todas as actividades culturais que redunden en beneficio para os viveirenses e o conxunto de mariñaos”.

A Tradescola, coa intención de complementar a formación do alumnado, e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, imparte cursiños monográficos e realiza outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional ao longo do ano. O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

Nota de prensa 2/2

PRESENTACIÓN DAS XORNADAS DE MÚSICA TRADICIONAL ORGANIZADAS POLA TRADESCOLA EN VIVEIRO

Estas xornadas, que terán lugar o día 15 de decembro no Teatro Pastor Díaz , reunirán a preto de 700 escolares de infantil e primaria nun concerto didáctico no que se lles amosará a evolución dos instrumentos e formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega nos últimos séculos

Lugo, 13 de decembro de 2011. A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, presentou hoxe na Deputación de Lugo as xornadas de música tradicional que realizará o vindeiro día 15 de decembro en Viveiro. Á presentación das xornadas, que tivo lugar no Salón de Comisións da Deputación de Lugo, asistiron o Vicepresidente da Deputación Antonio Veiga, a concelleira de cultura do Concello de Viveiro Olaia Casas e a coordinadora da Tradescola, Mónica Fernández.

A Tradescola, no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, realiza trimestralmente distintos actos como charlas, exposicións, concertos, e xornadas que achegan a numeroso público a coñecer o traballo que está a realizar a Asociación de Gaiteiros Galegos a través da Tradescola. O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

Un exemplo disto será a actividade que a Tradescola realizará na vila de Viveiro o vindeiro día 15 de decembro. Nesta actividade, preto de 700 alumnos de infantil e primaria dos centros CEP LOIS TOBIO, EEI SAN ROQUE e CPR LANDRO se achegarán ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro para aprender e disfrutar cun concerto didáctico (tres pases) impartido polos mestres Bruno Villamor, Andres Penabad e Xose Lois Romero, e no que se lles amosará a evolución dos instrumentos e formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega nos últimos séculos e os distintos ritmos, instrumentos e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Exit mobile version