Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación recibiu ao director de asuntos humanitarios de Cuba cara a propiciar colaboración

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA RECIBIU AO DIRECTOR DE ASUNTOS HUMANITARIOS DE CUBA, NELSON ÁGUILA MACHADO

A Vicepresidencia Primeira da Deputación colabora con AFALU no tratamento de doentes de Alzheimer e o desenvolvemento de proxectos

Lugo, 13 de decembro de 2011. Esta mañá o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, recibiu ao director de Asuntos Humanitarios de Cuba, Nelson Águila Machado, coa finalidade de estabelecer contactos de cara a propiciar un fío de cooperación entre as institucións de ambos países.

Antonio Veiga declarou que “a visita de hoxe enmárcase na aposta decidida que desde a Área da Vicepresidencia se mantén en materia de cooperación internacional cos países en vías de desenvolvemento. Un compromiso que non só se concreta en accións como esta, que apoiamos en Cuba, senón que se vincula a outros proxectos como o desenvolto en Paraguai ou aqueles outros que se financian a través do Fondo Galego de Cooperación”.

Veiga afirmou que “nós temos claro que a crise se ben é unha limitación de facto para poder abordar máis actuacións deste tipo tamén temos claro que non pode ser unha coartada para paralizar traballos e iniciativas neste ámbito porque pola propia coxuntura económica que se dá no plano internacional tamén son maiores as necesidades de apoio para os países en vías de desenvolvemento. Neste sentido, a presenza de Nelson Águila con nós non fai máis que reafirmar o agradecemento neste caso do pobo cubano á labor solidaria que estamos a desenvolver desde a Deputación de Lugo, concretamente na implementación de políticas dirixidas ao tratamento de doentes de Alzheimer na illa. Hai que ter en conta que foi a Deputación de Lugo, en colaboración con AFALU, quen permitiu a posta en marcha dun proxecto neste campo partindo da experiencia desta asociación lucense a prol da atención dos doentes de Alzheimer e as súas familias”.

Ao longo da entrevista mantida esta mañá, Antonio Veiga e o representante cubano de Asuntos Humanitarios conversaron tamén sobre as iniciativas que nesta área está a desenvolver o goberno de Cuba, goberno que a día de hoxe mantén equipos de axuda nalgúns dos lugares do globo onde se están a vivir as maiores catástrofes no plano humanitario, como pode ser o caso de Haití. Así,Veiga quixo remarcar a disposición da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo a seguir colaborando con novas iniciativas e, de xeito moi particular, con aquelas que se desenvolven nos puntos do planeta onde máis precisa é a solidariedade internacional.

Exit mobile version