Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo descualifica a actitude dos voceiros da oposición

Nota de prensa:

O ALCALDE DE CERVO CUALIFICA DE “INDECENCIA” A ACTITUDE DOS VOCEIROS DA OPOSICIÓN

Pide explicación aos nacionalistas polo seu cambio de postura no pleno da Deputación especto da petición municipal de solicitar do órgano provincial a retirada da sanción de 20.000 euros por permitir colocar varios postes xunto a unha vía provincial

Tamén lle recrimina á voceira socialista Lara Méndez a súa “covardía política” por absterse no pleno de Cervo e votar en contra desta sanción no pleno provincial

Esta “hipocrisía política” de BNG e PSOE amosa realmente cal é o comportamento dos representantes destes dous partidos que simultanean o seu cargo provincial coa responsabilidade pública no Concello de Cervo.

Cervo, 2 de decembro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou hoxe en Lugo o contido da votación celebrada o mércores no pleno da Deputación con respecto ao recurso presentado polo Concello de Cervo contra a imposición dunha multa de 20.000 euros por permitir colocar varios postes xunto a unha vía provincial.

Para o rexedor cervense, o posicionamento amosado durante o pleno polos grupos que forman o Goberno da Deputación amosa realmente cal é o comportamento dalgúns representantes políticos “que simultanean o seu cargo provincial coa responsabilidade pública no Concello de Cervo”.

BNG e PSOE a favor de que se sancione a tódolos veciños de Cervo

O alcalde lembrou que no pleno de Cervo os Grupos Municipais do PP e BNG votaran a favor de que a Deputación retirara devandita sanción; mentres que os socialistas cervenses abstivéronse. Para Villares, sorprende ver como no pleno do mércores o BNG provincial troca o posicionamento do seu partido en Cervo e vota en contra da retirada da sanción; e recordou que o voceiro nacionalista en Cervo, Xoán Antón Estúa, é tamén asesor do BNG na Deputación.

Alfonso Villares valorou en términos semellantes a actitude da vicepresidenta da Deputación e voceira socialista na corporación local. “A señora Lara Méndez, abstívose no pleno municipal; e sen embargo, na Deputación votou a favor de que todos os veciños do Concello de Cervo sexan sancionados cunha multa de 20.000 euros. Por iso, non podo máis que amosar a miña sorpresa e a miña decepción por esta actitude de covardía e de hipocrisía política que adoitan a ter os representantes do PsdeG e do BNG de Cervo” recriminou o mandatario local.

O alcalde dixo que no caso de materializarse definitivamente esta sanción, o actual equipo de Goberno provincial será o primeiro “que capitanee” unha sanción económica en contra dun dos concellos da súa provincia. “En toda a historia da Deputación nunca acontecera tal situación, pero o que é aínda máis triste é que isto vai ter lugar co apoio de dúas persoas que forman parte da corporación cervense e que teñen cargos de responsabilidade política dentro do Goberno provincial. Un Goberno provincial -continuou- que en lugar de apoiarnos e axudarnos, parece que só lle interesa sancionar e multar aos veciños de Cervo; pero nós, dende o Concello, ratificámonos en que defenderemos os intereses dos nosos veciños diante de calquera e ata onde faga falta”.

ALFONSO VILLARES CREE QUE A ACTITUDE DOS SOCIALISTAS NO PLENO DE ONTE SO TIÑA POR OBXECTO AGOCHAR O SEU PROCEDER NA DEPUTACIÓN EN CONTRA DO CONCELLO

Cervo, 2 de decembro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares cualificou de “vergoñenta” a actitude amosada no pleno de onte pola voceira do grupo municipal socialista, Lara Méndez. “Foi unha pena que non houbera máis veciños presenciando a sesión, porque así poderían constatar o que alí pasou e o comportamento de cada un das persoas que interveñen nos debates” dixo o rexedor.

Segundo Villares, a voceira socialista amosou no transcurso do debate dunha moción do BNG referida á tarxeta sanitaria do Sergas “unha continua falta de respecto e de educación cara a institución municipal e a tódolos veciños de Cervo; algo que non se entende vindo dunha persoa que leva xa varios anos en política e que representa a unha administración pública”. Sostivo que tivera que pedirlle a Méndez en máis de cincoque se cinguira ao punto de debate (a tarxeta sanitaria), “e non só fixo caso omiso das miñas peticións, se non que me chegou a dicir que ía a falar do estaba falando; o que provocou que eu me vira obrigado a retirarlle a súa quenda de intervención” asegurou o rexedor, quen matizou que en ningún momento se lles expulsou da sala.

Estratexia premeditada

Segundo o alcalde, a decisión de abandonar o pleno obedece a unha estratexia premeditada polo Grupo Socialista para tentar agochar a posición adoptada por eles na Deputación, onde votaron en contra dos intereses do municipio. “O que pretendía onte a señora Méndez coa súa actitude arrogante non era máis que camuflar outras vergonzas, como a que tivo que pasar hai uns días no pleno da Deputación, onde votou a favor de que se executara unha sanción de 20.000 euros en contra dos veciños de Cervo. Ese é realmente o único motivo da súa falta de respecto no pleno” recalcou Villares.

Exit mobile version