Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego convoca unha protesta cidadá ante a sede do Valedor e pide o cese do concelleiro de Educación

Nota de prensa

A MARIÑA

Queremos Galego convoca para este 15 de decembro ás 11.30 unha concentración cidadá diante da sede do Valedor do Pobo

En protesta polo ditame supostamente favorábel á retirada dun libro de texto escolar por reproducir que “o galego é a lingua propia de Galiza”

O colectivo fai un chamamento a defender “o noso principal signo de identidade” reclamando o cese do Conselleiro de Educación ”que nin sequera cumpre os mínimos fixados no Estatuto de Autonomía”

A Mariña, 14 de decembro de 2011.- Tal e como xa foi adiantado na mañá de onte en conferencia de imprensa na cidade de Compostela, a plataforma cidadá Queremos Galego, integrada por máis de 700 entidades sociais de diferente tipoloxía, convoca para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 da mañá unha concentración diante da sede do Valedor do Pobo, en Santiago de Compostela. Ademais está convocada outra concentración o sábado 17 ás 17.00hrs. na Praza do Toural de Compostela onde reclamarán o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación e promoven sinaturas para que a cidadanía achegue ditas peticións á Presidenta do Parlamento e ao Presidente da Xunta, podendo formular estas peticións por medios informaticos.

O motivo da convocatoria é protestar pola resolución do Valedor de instar, tal e como recollían antonte algúns medios de comunicación, á retirada dun libro de texto da materia de Coñecemento do Medio que reproduce literalmente o artigo 5.1 do Estatuto de autonomía: “O galego é a lingua propia de Galiza”.

Para a plataforma cidadá é “un auténtico despropósito” que o representante dunha institución encargada de velar polos dereitos das cidadás e dos cidadáns de Galiza perante os poderes públicos do país, entre os que están os dereitos lingüísticos, “poida ditar unha recomendación que equivale a descoñecer lexislación lingüística tan básica como a que emana do Estatuto de autonomía”.

Para Queremos Galego, decisións tales como esta “inhabilitan” a Benigno López para seguir no seu cargo “nin un minuto máis”, toda vez que o actual titular xa se ten caracterizado noutras ocasións por declaracións e actuacións “pouco proclives a considerar o galego como unha lingua plenamente oficial”.

Por isto, ademais da concentración convocada para esta quinta feira a plataforma cidadá anima a toda a cidadanía a escribir á presidenta do Parlamento de Galiza, Pilar Rojo, para que cese a Benigno López a mesma institución pola que foi no seu día nomeado.

Petición para a Presidenta do Parlamento para o cese do Valedor do Pobo: https://docs.google.com/document/d/1C0tt1sjEzzR5RaUt6lp8JKMDroBrZVFqb7Gqh1WYbrA/edit?pli=1#

Peticion Presidente da Xunta para o cese do Conselleiro de Educación: https://docs.google.com/document/d/1HLlMXRZS-86cp_hlSEYna3C_vHTBC6TbN_96TtFKrY0/edit?pli=1#

Exit mobile version