Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata a campaña de recollida de xoguetes organizada polo concello de Ribadeo e o IES Gamallo Fierros

Nota de prensa

O MÉRCORES, 21 DE DECEMBRO, REMATA A RECOLLIDA DE XOGUETES DA CAMPAÑA QUE ESTÁ A REALIZAR O CONCELLO EN COLABORACIÓN CO IES GAMALLO FIERROS PARA QUE NINGÚN NENO DE RIBADEO QUEDE SEN AGASALLOS ESTE NADAL.

Ribadeo, 19 de decembro de 2011. A campaña de recollida de xoguetes organizada polo Concello en colaboración co ciclo superior de educación infantil do IES Gamallo Fierros está chegando ao seu fin. A edil de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, asegurou que “a recollida dos xoguetes remata o vindeiro mércores, 21 de decembro. Os entregados ata o momento xa foron catalogados e ordenados”. A concelleira nacionalista explicou que “temos unha amplia variedade deles, xogos didácticos, educativos, peluches, libros, etc… chámanos a atención o bó estado no que se atopan todos eses xoguetes, mesmo os hai que están completamente novos, algún sen desempaquetar, algunha roupa aínda está coas etiquetas postas”.

González Piñeiroa dixo que “o que sí notamos é máis carencia de xogos entre os 12 e os 16 anos, pero como a campaña remata o mércores facemos un chamamento para que os que o desexen poidan aportar máis xoguetes”.

A concelleira de Servizo Sociais contou que “ao longo desta mañá de luns xa se está a chamar ás persoas potenciais necesitadas destes xoguetes, estámolas a citar para que acudan a ver e a elexir os agasallos sempre desde a discreción, podendo ser que uns non saiban dos outros. De todos os xeitos todas aquelas persoas que estean interesadas e que os precisen poden achegarse ata aos servizos sociais de Ribadeo”.

O eslogan da campaña é Porque xogar é un dereito non un privilexio, agasalla xoguetes, agasalla ilusión.

Exit mobile version