Site icon Crónica3.com A Mariña

Volver a niveis orzamentarios de 2009 tal e como pide a oposición, suporía perder un 22% na axuda da Xunta, asegura o PP de Cervo

Nota de prensa 1/2

PSOE e BNG solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá para valorar a situación dos servizos sociais municipais

Volver a niveis orzamentarios de 2009 tal e como pide a oposición, suporía perder un 22% na axuda da Xunta ao Plan Concertado

En 2009 Cervo recibiu 92.298,98 euros fronte aos 119.133,30 euros que chegaron en 2011

A chegada do PP á responsabilidade de Goberno na Xunta supuxo un revulsivo positivo para Cervo en todos os sentidos, tamén para o servizos sociais xa que multiplicou as axudas do plan concertado que é polo que se está a financiar a construción da residencia con centro de día.

Os populares aseguran que socialistas e nacionalistas fan o ridículo ao pedir que os veciños de Cervo perdan diñeiro.

Non haberá ningunha persoa maior dependente en Cervo que perda o dereito a recibir a Axuda a Domicilio, pois ademais esta partida lonxe de reducirse aumenta en 2011.

Cervo, 12 de decembro de 2011.- PSOE e BNG teñen incorrido nunha situación que os populares non dubidan en cualificar de “ridícula” no municipio de Cervo ao solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario -que tivo lugar esta mañá- e no que lonxe de pedir melloras para os seus veciños están a demandar que estes perdan diñeiro para o financiamento dos seus servizos sociais municipais.

Nunha mostra de clara “falta de rigor, vagancia e pouco traballo orientado a estudar os datos dispoñibles” socialistas e nacionalistas trasladan a Cervo unha proposta tipo -que se está a presentar noutros concellos de Galicia- malia que aquí os datos respecto da achega da Xunta para o financiamento do Plan Concertado son positivos: se incrementan, no seu cómputo global.

COMPARATIVA 2009

Entre as propostas “disparatadas” da oposición en Cervo demandan “volver a cobertura orzamentaria de 2009” o que suporía perder un 22% nesta axuda que se está a recibir da Xunta. Sen contar o investimento destinado para a construción do centro de día residencial de San Ciprián, as achegas da Xunta en 2009 eran de 92.298.98 euros fronte aos máis de 119.133,30 euros que se están a recibir en 2011. “Polo tanto de volver aos niveis de 2009 -tal como piden PSOE e BNG- estaríamos perdendo diñeiro”.

Táboa comparativa Plan Concertado 2009-2011

(Non inclúe as achegas para a construción da residencia)

2009 2011
92.298,98 € 119.133,30 €

Os cervenses tamén sairían perdendo se en vez de recibir os 68.134,33 euros que achega a Xunta nesta anualidade para a atención ás persoas maiores dependentes, recibimos tan só 30.571,47 euros que era a contía que chegaba en 2009.

O GOBERNO DO PP NA XUNTA POSITIVO PARA CERVO

O acceso do PP á responsabilidade de goberno en supuxo “un revulsivo moi positivo para o Concello de Cervo en todos os ámbitos”. Tamén nos servizos sociais xa que non só as achegas globais para o Plan Concertado creceron ano tras ano, senón que incluso se multiplicaron exponencialmente, tendo en conta que é a través deste plan desde o que se está a financiar o custe de construción da residencia con centro de día deste concello.

COMPARATIVA 2010

Tamén Cervo sae ganando en 2011 con respecto ao ano anterior en relación as achegas que a Xunta destina para este concello a través do Plan Concertado. Se en 2010 Cervo recibía 233.292,85 euros en 2011 esta cantidade será de 858.081.36 euros, un 72,81% máis debido a que se inclúe a anualidade correspondente para a construción da residencia, contía que incluso no ano próximo -2112- superará o millón de euros.

Tamén de xeito contrario ao que aseguran desde a oposición crecen as achegas da Xunta para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar para a atención das persoas dependentes, que pasan dos 66 mil aos 68 mil euros. Só redúcense as achegas para o Servizo de Axuda ao Domicilio xenérica (non dependentes) xa que se prioriza a atención deste colectivo que precisa de maior axuda para o desenvolvemento das súas tarefas diarias. Polo tanto non haberá ningunha persoa dependente que perda o dereito de recibir unha axuda no seu fogar, como por lei aparece acreditado.

O Plan Concertado en Cervo financia tamén o salario de dous traballadores sociais e unha educadora familiar, ademais das profesionais de axuda a domicilio. Este é un dos concellos con maior atención de veciños por habitante da Mariña lucense, un servizo que se verá reforzado unha vez remate a construción da residencia con centro de día, un compromiso cumprido do PP local.
——
Nota de prensa 2/2

Dobre vara de medir dunha oposición que actúa con hipocrisía

A Deputación de Lugo, gobernada por PSOE e BNG, reduce nun 52% a subvención para o Servizo Municipal de Axuda no Fogar

• As achegas do organismo provincial do que forman parte os dous portavoces da oposición cervense, sufriu un drástico recorte: De 9.976,29 euros en 2010 a tan só 4.370 euros en 2011.

Cervo, 12 de decembro de 2011.- A edil delegada de Servizos Sociais, Facenda e Cultura Tania González vén de denunciar a “hipocrisía” dos grupos da oposición que “unha vez máis piden unha cousa en Cervo e fan súa contraria na Deputación de Lugo, onde PSOE e BNG gobernan”.

De feito mentres que socialistas e nacionalistas pedían a convocatoria dun pleno municipal extraordinario -que tivo lugar na mañá de hoxe- para valorar os axustes no financiamento do Plan concertado -isto é do plan polo que a Xunta subvenciona os servizos sociais municipais- a propia Deputación de Lugo reducía en máis dun 56% a subvención da que é beneficiario este concello e que aparece destinada ao servizo de axuda no fogar.

Segundo os datos ofrecidos por Tania González mentres que en 2011 a Deputación de Lugo destinou 9.976,29 euros para colaborar no financiamento dos gastos do servizo de axuda no fogar do Concello de Cervo, esta contía reduciuse a tan só 4.370 euros no ano 2012, o que supón un recorte do 56,19%.

A concelleira de Servizos Sociais lamenta a “dobre vara de medir” que aplican os grupos da oposición segundo a administración de que se trate e lamenta moi especialmente que “os drásticos recortes da Deputación de Lugo afecten dun xeito tan sangrante a Cervo, cando os dous portavoces do PSOE e do BNG neste concello teñen responsabilidades varias no seo do Goberno provincial e pese a iso, non poñen freo, todo o contrario, ás discriminacións, multas e recortes que contra este municipio e contra os seus veciños dirixen desde a Deputación”.

Polo contra Tania González lembrou que no tocante ao financiamento da Xunta deste servizo e respecto da achega global do Plan Concertado “vén de incrementarse ano tras ano desde que o PP accedeu á responsabilidade do goberno autonómico entre outras razóns pola inclusión das achegas para a construción do centro de día residencia que financia a administración autonómica na súa integridade”.

Exit mobile version