Site icon Crónica3.com A Mariña

Xogadores de entre os 35 mellores de España e 200 do mundo no Torneo de Nadal en Cangas de Foz

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DO 1º TORNEO DE NADAL EN PISTA RÁPIDA DO CLUB DE TENIS DE FOZ

Antonio Veiga afirmou que estes eventos, “ademais da súa repercusión deportiva e de promoción do tenis, aportan un beneficio económico ao sector turístico e hostaleiro ao atraer visitantes á Mariña”

Do 16 ao 18 de decembro xogadores de entre os 35 mellores de España e 200 do mundo competirán no pavillón dos Castros de Cangas de Foz, onde o 18 tamén haberá un clínic

LUGO, 7 de decembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tarde no Centro Cívico de Cangas na presentación do 1º Torneo de Nadal en Pista Rápida do Club de Tenis de Foz, que se disputará a fin de semana do 16 ao 18 de decembro no pavillón dos Castros de Cangas de Foz, onde simultaneamente se desenvolverá un clínic aproveitando a presenza de xogadores situados entre os 35 mellores clasificados do ránking español e 200 do mundo. Na presentación tamén participaron Javier Jorge Castiñeira, alcalde de Foz; Ramón Rodriguez Paleo, presidente do C.T. Foz; Xosé. R. Veiga Alonso, directivo do C.T. Foz, e Jesús Casabella López, presidente A.A.V.V. Cangas – Foz.

Antonio Veiga afirmou que estes eventos, “ademais da súa repercusión deportiva e de promoción do tenis, aportan un beneficio económico ao sector turístico e hostaleiro ao atraer visitantes á Mariña”. Ademais, Veiga sinalou que o Club de Tenis de Foz tamén realiza un intenso traballo de base, proporcionando aos nenos e nenas da Mariña a oportunidade de practicar un deporte como o tenis.

Roberto Menéndez (27 no ránking español), Jorge Hernando Ruanos (30) ou Miguel Casal Arantes, campión galego (33) son varios dos xogadores que disputarán este torneo, a competición desenvolverase da seguinte forma: Venres 16; 4 partidos a partir das 15,00 horas. Sábado 17: 2 partidos a partir das 11,00 horas e 2 partidos a partir das 17,00 horas. Domingo 18: Clínic de 10,00 a 12,00 horas, 1 partido ás 12,00 horas e a final ás 18,00 horas.

Haberá un total en premios de 1.500 € repartidos entre:

Campión: 800 € + Trofeo

Finalista: 400 € + Trofeo

Semifinalista: 200 €

Cuarto finalista: 100 €

Octavofinalista: 50€

O prezo das entradas ao torneo serán para o abono de 3 días: 7 euros; Entrada Diaria: 5 euros e os menores de 8 anos teñen a entrada gratuíta As entradas poderán adquirirse anticipadamente en distintos establecementos de A Mariña: Cafetería Centro Cívico Cangas, Deportes Élide, Deportes Docobo, Living Sport, Cafetería Vista Alegre.

O clínic

Aproveitando a presenza no torneo de grandes raquetas, dentro do mesmo organízase un clínic orientado a xogadores de todos os niveis dende a iniciación ata o rendemento deportivo. Levarase a cabo no pavillón dos Castros e serán os cabezas de serie do mesmo os encargados de impartilo. Ademais, o club organizador vai a levar a cabo nos colexios da Mariña unha campaña de promoción e difusión do tenis, con charlas, proxeccións e conferencias impartidas polos adestradores de base do club, encamiñadas á promoción, ao coñecemento deste deporte e á súa mellora.

Exit mobile version