Site icon Crónica3.com A Mariña

A aula da rede CeMIT en Burela impartirá dous cursos de alfabetización dixital en xaneiro

Nota de prensa

O CONCELLO DE BURELA COMEZARÁ A IMPARTIR 2 CURSOS DE ALFABETIZACIÓN DIXITAL NA SEMANA DO 23 AO 29 DE XANEIRO

Burela, 18 de xaneiro de 2012. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá na vindeira semana 2 novos cursos impartidos polo Concello de Burela.
O vindeiro día 24 iniciarase un curso de “Alfabetización dixital: Procesador de textos” na aula CeMIT de Burela.
Os asistentes a esta actividade aprenderán a manexar o programa “LibreOffice Writer” para así poder crear os seus propios documentos cambiando o tipo de letra, inserindo imaxes e táboas, creando viñetas e numeracións, etc…
Este curso impartirase en horario de 11:00 a 12:30 horas e rematará o día 2 de febreiro.
Nesta semana comezará tamén o curso “Alfabetización dixital: Follas de cálculo”.
Con este curso amosarase a manexar o programa “Calc” incluído na suite ofimática “LibreOffice”. Con este programa, os participantes poderán facer todo tipo de contas, facer facturas, levar as contas da casa ou da comunidade, etc…
O curso comezará tamén o 24 de xaneiro e rematará o 9 de febreiro. O horario será de 16:00 a 17:00 horas.
Ambos cursos están dirixidos a persoas cuns coñecementos básicos de Informática.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es

Exit mobile version