Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta di que a fusión de Medio Rural e Mar non modifica o funcionamento do departamento en Celeiro

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS REITERA QUE OS USUARIOS DA ZONA DA MARIÑA PODERÁN SEGUIR REALIZANDO TODOS OS TRÁMITES E SERÁN ATENDIDOS NAS INSTALACIÓNS DE MAR EN CELEIRO, QUE MANTÉN A MESMA DOTACIÓN DE PERSOAL E A MESMA CAPACIDADE DE TRAMITACIÓN

A fusión nunha Consellería das competencias de Medio Rural e do Mar non modifica o funcionamento habitual nin a ubicación do departamento en Celeiro

Lugo, 26 de xaneiro de 2012.- A Xefatura de Coordinación da Área de Mar seguirá funcionando en Celeiro “mantendo a mesma dotación de persoal e a mesma capacidade de tramitación que xa dispoñía ata o momento”. Así o reiterou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que indicou que, estas instalacións, “seguirán atendendo a todos os traballadores e usuarios relacionados co ámbito marítimo-pesqueiro da zona marítima que abrangue a delegación territorial de Lugo, como veñen facendo dende hai máis de dúas décadas”.

Tal e recollía no Diario Oficial de Galicia do pasado martes con relación ao organigrama da Consellería do Medio Rural e do Mar, a organización desta consellería conta coa existencia de catro xefaturas territoriais de Medio Rural e do Mar -unha por provincia- e, a maiores, tres xefaturas de coordinación específicas da área de Mar, que funcionan nas cidades de Vigo, A Coruña e Celeiro.

Estas tres xefaturas territoriais coordinarán as materias que sexan competencia da Secretaría Xeral do Mar, a través de dous servizos, o de Recursos Mariños, por unha banda, e o de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, por outra.

Ao primeiro correspóndelle a tramitación dos títulos habilitantes para o exercizo da pesca, marisqueo e acuicultura, así como a tramitación de solicitudes de apertura, anulacións e peche das zonas de traballo solicitadas polas distintas confrarías de pescadores no ámbito dos seus respectivos plans de explotación.

Mentres, o departamento de Recursos Mariños encargarase das axudas con cargo a fondos europeos, da tramitación de procedementos de autorización, construción e modernización, os relativos ao Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma e da inscrición, baixas e modificación de datos no Rexistro de Empresas Halioalimentarias.

Exit mobile version