Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pretende atraer 2.000 persoas á provincia en febreiro cun plan para que veñan turistas fora de tempada

Nota de prensa

A DEPUTACIÓN PRETENDE ATRAER 2000 PERSOAS Á PROVINCIA EN FEBREIRO A TRAVÉS DO PLAN DE DESESTACIONALIZACIÓN DO TURISMO

Mario Outeiro non estamos en Fitur porque “o que hai que facer é que Lugo chegue aos destinos turísticos, non que os políticos vaian aos destinos turísticos”

Outeiro anunciou que a vindeira semana van estar elaborados os estatutos da empresa pública de turismo, onde ser recollen os seus obxectivos

Lugo, 20 de xaneiro de 2012. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, aproveitou a coincidencia da Xunta de Goberno da Deputación coa celebración de FITUR para afirmar que “non hai representación institucional da Deputación de Lugo na mesma feira, pero isto non significa que os produtos turísticos da provincia non estean nese escaparate do sector, é máis, non parece o máis razoábel dedicar fondos destinados á promoción e ao aumento do gasto turístico a sufragar o desprazamento e a hospedaxe de responsábeis políticos a Madrid. Precisamente, o mellor xeito de traballar polo aumento do gasto turístico, que é o realmente importante, é estando hoxe aquí: primeiro porque permite priorizar en cuestións centrais e non accesorias o investimento realizado no eido turístico e, segundo, porque o que temos que garantir é que Lugo chegue aos destinos turísticos, non que os políticos de Lugo se despracen aos destinos turísticos”.

“Grazas ao traballo que estamos a realizar desde o departamento de Turismo – continuou Mario Outeiro – contamos que Lugo no seu conxunto, tanto na zona da Mariña como nas comarcas do centro e do Sur, reciba máis de 2000 visitantes no mes de febreiro. Isto conseguirase mediante o plan de desestacionalización do turismo que poremos en marcha xa para febreiro como medida de choque neste primeiro trimestre de 2012, que esperemos que acade bos resultados, atraendo visitantes nunha época do ano que habitualmente presenta uns pobres resultados turísticos xa que a demanda é practicamente nula”. Mario Outeiro explicou que se trata “dun plan xa falado co sector, que pretende garantir que as pernotacións e o gasto turístico se manteña nun período particularmente complicado. Este programa de desestacionalización incide en mobilizar as enerxías da demanda interna, como conseguimos co plan de termalismo, e tamén en atraer visitas do mercado estatal. Até agora os contactos que temos feito permítennos concluír que isto vai funcionar e que mellorará a ocupación fóra de tempada, sen dúbida”. “Deste plan de desestacionalización xa se van dar cumpridos detalles nos vindeiros días, sinalando aqueles aspectos nos que se vai facer as actuacións máis puntuais”, concluíu Mario Outeiro.

Ademais, Mario Outeiro aproveitou para anunciar que “a vindeira semana van estar elaborados e redactados os estatutos que rexerán a Empresa Pública de Turismo, onde ficarán esclarecidos os seus obxectivos”. Mario Outeiro explicou que “a nosa acción de goberno susténtase sobre un dobre eixo baseado na aposta polo benestar, desde a perspectiva de que a crise non sexa un instrumento que aumente as desigualdades sociais, e no emprego, porque diante dunha situación como a actual o sector público non pode mirar para outro lado, senón que ten que traballar naquelo que é máis necesario. Neste ámbito de actuación é onde hai que situar a creación da Empresa Pública de Turismo, como unha ferramenta para potenciar unha actividade económica que representa xa o 13% do noso PIB e que ten aínda máis percorrido e unhas enormes potencialidades. Trátase, polo tanto, de actuar na demanda agregada para crear máis emprego, de favorecer o crecemento económico do sector, e iso conséguese aumentando o número de visitantes, dándolles opcións para aumentar o seu tempo de estancia e contribuíndo a aumentar o gasto por turista, algo que hoxe se presenta como o reto máis complicado”.

Con esta finalidade continuou Mario Outeiro explicando que “garantiremos o carácter fundamentalmente público da empresa que se cree e contaremos na mesma coas principais asociacións que agrupen as empresas ligadas co turismo, hostalería, casas de turismo rural e, por suposto, os diferentes territorios de Lugo. Porque, se queremos ser efectivos, faise necesaria a concertación entre o conxunto dos axentes públicos e privados para desenvolver actuacións partindo dunha diagnose e unha estratexia comúns, actuacións que temos que definir entre todos e que deben concretarse na formulación e posta en marcha de novos paquetes turísticos, no potenciamento dos que actualmente existen, na apertura de novos nichos de mercado diferentes aos dos visitantes que xa ten fidelizado a provincia e, por suposto, na desestacionalización do turismo”.

Exit mobile version