Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación propón nomear a Isaac Díaz Pardo Fillo Adoptivo da Provincia de Lugo

Nota de prensa

Gómez Besteiro propón nomear a Isaac Díaz Pardo Fillo Adoptivo da Provincia de Lugo

– A Xunta de Goberno aprobou iniciar o expediente que, no vindeiro Pleno, deberá contar co apoio de 2/3 da Corporación para conceder a maior condecoración da provincia ó intelectual

– A Deputación liquidou a débeda do canon en Monforte, adxudicando hoxe a derradeira actuación: a última fase de iluminación no paseo peonil do Río Cabe con de 70.000 euros

– A institución contrata as derradeiras actuación de mellora na CP 4902, do Alto do Valiño por Vilaxuste a Valdeporrás, en Portomarín, onde inviste preto de 800.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou iniciar o expediente para a concesión da distinción de Fillo Adoptivo da Provincia de Lugo a Isaac Díaz Pardo. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou que “este será un dos asuntos que levaremos ó vindeiro Pleno onde, segundo dicta o Regulamento de Honras e Distincións, deberemos contar co apoio de dous terzos da Corporación para, finalmente, poder outorgar ó destacado intelectual recentemente falecido a maior condecoración da provincia”.

O voceiro salientou que “a proposta do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, este equipo de Goberno quere nomear a Díaz Pardo Fillo Adoptivo da Provincia en recoñecemento do seu compromiso coa difusión da cultura galega, así como o seu extraordinario legado artístico que, de xeito tan especial, repercutiu na provincia luguesa”. É e que, o tamén pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario galego desempeñou un inxente traballo de dinamización socioeconómica en Lugo como refundador e impulsor do Complexo Industrial da Cerámica de Sargadelos, en Cervo, converténdoa nun referente tanto a nivel cultural como social. Ademais, tamén foi membro do primeiro Consello Provincial de Cultura que, a mediados da década dos oitenta, se constituíu na Deputación co obxectivo de promocionar e impulsar as iniciativas culturais dos artistas lucenses.

A distinción de Fillo Adoptivo concédeselle a persoas que, malia non nacer na provincia, prestaron un importante servizo en beneficio da mesma. É a maior condecoración da provincia xunto a de Fillo Predilecto. Logo sitúase a Medalla de Ouro ou Plata e, seguidamente, os nombramentos de membros de Honra da Deputación.

Liquidada a débeda do canon en Monforte

A Deputación liquidou a débeda do canon en Monforte, adxudicando hoxe a derradeira obra neste Concello con produción hidroeléctrica “que non contaba con sentenza favorable pero si co compromiso deste Goberno provincial”, destacou Martínez. Trátase da última fase de iluminación no paseo fluvial do Río Cabe, dotada de 70.000 euros. En total, mediante o canon, a institución provincial achegou a Monforte de Lemos 233.097 euros para execución de 6 actuacións que, a excepción da contratada este venres, están todas finalizadas. Estas son as seguintes: acondicionamento de diversos camiños municipais como o de Raimundo Patiño ou os da zona de Lodairo; humanización da rúa Otero Pedrayo; ademais de as varias fases de actuación para a iluminación total do paseo peonil no Río Cabe.

Máis de 200.000 euros en Portomarín

A sesión acordou a adxudicación de obras adicionais por valor de 216.477 euros na CP 4902, do Alto do Valiño por Vilaxuste a Valdeporrás, en Portomarín, onde a Deputación está a executar na actualidade traballos de mellora en máis de 4 quilómetros, concretamente, dende o punto quilométrico 0,000 ó 4,200. Este novo investimento adicarase á mellora do firme e da sinalización, así como para completar as obras de drenaxe e revestir as cunetas de formigón.

Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 1 mes, o organismo provincial rematará coas obras neste vial nos que, xunto á partida aprobada hoxe, inviste preto de 800.000 euros. (787.977 euros). Este orzamento permite ensanchar a estrada, pasando dos 4 metros ós 8 metros de ancho, mellorar o trazado e o firme con aglomerado en quente, ademais de construir unha nova ponte sobre o Piunca de 10 metros de ancho.

Pequenas obras

A Xunta de Goberno deu conta ademais, da adxudicación doutras 3 pequenas obras: a mellora de accesos no núcleo rural de Valdomao, no Incio, por valor de 13.500 euros; dotación da instalación eléctrica no local social situado á carón do campo de fútbol de Espasantes, en Pantón, con 7.080 euros; e a execución dun muro de contención e colocación de bionda na CP 4109, de Ferreira e Goián, en Pantón, dotada de 14.600 euros. O voceiro destacou que con esta última actuación a Deputación completa as actuacións de mellora na estrada de acceso á igrexa de Ferreira nas que investiu preto de 180.000 euros.

Finalmente, a sesión aprobou as contas xustificativas de 8 obras do Plan de Comunidades Veciñais levadas a cabo nos Concellos de O Corgo, A Pastoriza, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela, Chantada e Begonte, por un valor de 133.100 euros, dos que a Deputación achegou 80.000 euros, o que supón, o 60%.

Exit mobile version