Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación tratará en pleno Pleno unha declaración en homenaxe ós policías vítimas do rescate no Orzán

Nota de prensa

Gómez Besteiro proporá ó Pleno unha declaración institucional en homenaxe ós tres policías lucenses vítimas do rescate no Orzán

– O Presidente asistiu ó funeral do axente fonsagradino, Javier López, na igrexa parroquial de Lamas de Moreira para trasladarlle á familia o seu máis sentido pésame e o da Corporación

– Gómez Besteiro mostrou o seu apoio e afecto ás familias dos dous policías que continúan desaparecidos “nestes terribles momentos polos que están pasando”

– O mandatario provincial subliñou “o acto heroico e a excepcional valentía e nobreza” dos axentes, “que non dubidaron en antepoñer o seu deber á súa seguridade persoal”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, proporá ós grupos da Corporación provincial no Pleno convocado para este vindeiro martes aprobar unha declaración institucional en homenaxe ó “acto heroico e a excepcional valentía e nobreza” dos tres policías nacionais lucenses que resultaron vítimas do tráxico incidente que tivo lugar na madrugada do venres na praia coruñesa do Orzán: Javier López, de 38 anos e da Fonsagrada, falecido; e o friolense José Antonio Villamor, de 34 anos, e o burelés Rodrigo Maseda, de 35, ambos desaparecidos. Gómez Besteiro asistiu este sábado ó funeral que tivo lugar na igrexa parroquial de Lamas de Moreira polo axente de orixes fonsagradinas para trasladarlle persoalmente á familia o seu máis sentido pésame e o da Corporación.

O titular provincial quixo mostrar así mesmo o seu apoio e afecto ás familias dos dous policías que continúan desaparecidos “nestes terribles momentos polos que están pasando”, ó tempo que expresou a súa consternación pola circunstancia de que os tres axentes que arrastrou o mar ó intentar salvar a un mozo eslovaco no Orzán sexan da provincia de Lugo. Besteiro recalcou a gran coraxe e calidade humana que demostraron os xóvenes policías, “que, sabendo o risco que corrían, non dubidaron en antepoñer o seu deber á súa seguridade persoal”.

O Presidente decretou tres días de loito oficial, entre hoxe e o luns, xornadas nas que a bandeira da institución provincial do Pazo de San Marcos ondeará a media hasta e cun crespón negro.

Exit mobile version