Site icon Crónica3.com A Mariña

A inicitaiva de Benestar Social e Deporte da Deputación achega o exercicio fisico a 39 entidades da Mariña



TODOS A XOGAR LEVA O EXERCICIO FÍSICO A 39 COLECTIVOS DA MARIÑA

Mulleres, nenos e nenas e colectivos de capacidades diferentes benefícianse deste programa de integración social a través do deporte

“Todos a Xogar” é un programa posto en marcha pola Área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo a través da Fundación Balogal e é totalmente gratuíto para os colectivos que participan e se benefician del

LUGO, 9 de xaneiro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, deu conta esta mañá que “a comarca da Mariña acolle 39 accións do programa “Todos a Xogar”, accións que se desenvolven na práctica totalidade dos concellos da comarca e que pretende a integración social e educación en hábitos saudábeis de diferentes colectivos mariñaos”. Segundo explicou Veiga, “o programa “Todos a Xogar” alén de promover o deporte no conxunto da sociedade, tenta a integración daqueles colectivos nos que a práctica deportiva plantexa máis dificultades, e tamén pon en valor o deporte como elemento para combater a exclusión social”.

Neste sentido, segundo informou Antonio Veiga, vicepresidente e responsábel da Área de Benenestar Social e Deporte, “das 39 accións, 7 correspóndense coa liña “Eu tamén xogo no Breo”, 17 con “Non te retires, volta a xogar”, e 15 con “Obradoiro deportivo”, no que todas teñen en común que son impartidas, de xeito gratuíto, por monitores especializados en dúas horas semanais por colectivo.

A liña  “Eu tamén xogo no Breo”, destinada a colectivos de capacidades diferentes, ten como obxectivo facer extensible a oferta de actividade física a grupos e as distintas asociacións e institucións de discapacitados da Mariña e colectivos concretos con risco de exclusión social. Algúns dos colectivos que participan son, entre outros, “Camiña”de Burela ou Cogami de Viveiro, desenvolvéndose as actividades nos concellos de Viveiro, Burela, Xove, Ribadeo e Foz.

Pola súa parte, na liña “Non te retires, volta a xogar” participan 17 colectivos e asociacións mariñás, nunha actividade que ten por eixo central proporcionar ao colectivo de persoas maiores un tipo de exercicio físico xerontolóxico, de baixa intensidade, e que promove un envellecemento activo. As sesións céntranse en mellorar a calidade de vida dos participantes traballando as súas capacidades condicionais básicas: flexibilidade, resistencia e forza, e tendo sempre en conta as particularidades individuais dos participantes e os seus problemas cognitivos ligados as enfermidades neurodexenerativas (Alzheimer ou Parkinson). Hai que ter en conta que a poboación maior de 50 anos representa na Mariña máis dun terzo, polo que é a liña do programa maioritaria.

Por último, hai tamén 15 colectivos que participan na liña de “Obradoiro deportivo”, directamente enfocada á promoción do deporte en idade escolar e a favorecer a adquisición de hábitos saudábeis desde idades temperás. Por esta razón, os inicios no deporte van ligados tamén ao xogo, aproveitando a visión da infancia da actividade física como algo divertido. Esta liña de actividade estase a desenvolver maioritariamente en colaboración coas ANPAS mariñás, que suman en total 15 colectivos espallados por case todos os concellos da comarca.

Actividade Nº  de Asociacións
Eu tamen xogo no Breo 7
Non te retires, volta a xogar. 17
Obradoiro deportivo 15
Total Xeral 39
Exit mobile version