Site icon Crónica3.com A Mariña

A paralización das obras da A-54 e a ralentización das da A-8 significa a perda de centos de postos de traballo e a ruína de negocios, asegura o BNG

Nota de prensa

O BNG ESIXE A FOMENTO QUE INICIE AS OBRAS PARALIZADAS NA A-54

Os nacionalistas advirten que “a paralización das obras da A-54 e a ralentización das da A-8 significa a perda de centos de postos de traballo e a ruína de negocios e autónomos lucenses”

O pleno da Deputación aprobará esta moción o vindeiro martes co apoio dos partidos de goberno

Lugo, 26 de xaneiro de 2012. O BNG presentou unha moción para o seu debate no pleno que a Deputación Provincial celebrará a vindeira semana na que insta ao Ministerio de Fomento a que manteña os compromisos de investimentos nas comarcas de Lugo, nomeadamente no que ten a ver coa Autovía Lugo-Santiago e os tramos lucenses da A-8. Segundo indicou Mario Outeiro, portavoz nacionalista na Deputación, “máis unha vez a crise serve como coartada para aumentar as desigualdades entre os territorios. As terras de Lugo, que xa partían cun diferencial de atraso na rede viaria en relación a outros territorios do Estado, convértese en pagá do plan de axuste aprobado polo executivo de Rajoy”.

O portavoz nacionalista lembrou que “tanto a Autovía Santiago-Lugo como a A-8 son dúas actuacións fundamentais para a vertebración territorial da provincia, para a súa conexión coas redes de comunicación estatais e comunitarias e, xa que logo, a súa execución xogaría un papel central no aumento da competitividade do noso tecido produtivo na súa relación comercial co exterior. Non hai motivos de orde técnico, aínda menos de orde político, que poidan xustificar unha decisión deste tipo, xa que tanto a A-8 como a A-54 son actuacións que tiñan que estar xa rematadas a día de hoxe no caso de térense cumprido os compromisos adquiridos no seu momento polos diferentes gobernos do Estado”.

Mario Outeiro quixo referirse “ao grave problema de desemprego que está a significar a paralización das obras da A-54 e a ralentización dos traballos da A-8. Aquí non se salva ninguén posto que non estamos falando unicamente dos postos de traballo directos: estamos a falar dos autónomos que teñen alugada maquinaria ás contratas que estaban a executar as obras, estamos a falar dos negocios de hostalería, estamos a falar dos negocios de subministro… En definitiva, un golpe económico de primeira magnitude no momento no que é máis inoportuno. Esta decisión non só representa un desprezo absoluto polos cidadáns e cidadás, que son penalizados pola decisión gobernamental, senón que indica que a política económica do goberno do PP vai na dirección contraria a calquera política económica que teña como prioridade a creación de emprego. A paralización do investimento público só pode significar máis desemprego”.

O portavoz do BNG, que non dubidou que a proposta de instar ao Ministerio de Fomento a reanudar de xeito inmediato as obras da A-54 e a axilizar os traballos na A-8 vai ser aprobada por contar co compromiso dos seus socios de goberno, reclamoulle “aos populares estar á altura das circunstancias, non só apoiando no pleno da corporación esta proposta, posto que en caso de non facelo estaríanse situando en fronte dos seus veciños e veciñas, senón esixíndolles a presión en tanto partido que apoia ao goberno para sacar adiante esta iniciativa”. Na mesma liña, Mario Outeiro indicou que os nacionalistas levarán a proposta tanto ao Parlamento Galego como ao Congreso dos Deputados, así como polo conxunto dos concellos afectados por esta decisión gobernamental.

Exit mobile version