Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anuncia que investirá 200 mil euros nas obras de reforma e rehabilitación dos xulgados de Viveiro

Nota de prensa

A Xunta investirá 200.000 euros nas obras de reforma e rehabilitación nos xulgados do Viveiro

Alfonso Rueda visitou hoxe os xulgados da localidade lucense
O conselleiro enmarcou a actuación no compromiso da Xunta coa dotación de medios na Administración de Xustiza
O goberno galego incrementou a porcentaxe do orzamento destinado á Xustiza

Santiago, 25 de xaneiro de 2011.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitou hoxe os Xulgados de Viveiro, onde lles comunicou aos responsables da Administración de Xustiza na comarca, a inversión de 200.000 euros nas obras de reforma e rehabilitación dos xulgados viveirenses.

O conselleiro indicou que esta inversión permitirá reparar humidades, renovar a carpintería exterior do edificio, e substituír radiadores, entre outros arranxos, redundando así na mellora das condicións dos traballadores do xulgado, así coma dos 47.000 habitantes do partido xudicial que usan estes xulgados, que dan servizo a sete concellos na comarca da mariña lucense.

Rueda destacou a importancia destas visitas para coñecer de primeira man as inquedanzas, preocupacións e necesidades dos responsables da Administración da Xustiza, xa que a Xunta é a encargada de dotala dos medios materiais necesarios para a levar a cabo as súas funcións. O conselleiro sinalou que a Xustiza é unha prioridade para a goberno galego, polo que neste ano incrementouse a porcentaxe do orzamento destinado á Xustiza.

O conselleiro enmarcou a actuación no compromiso da Xunta coa Administración de Xustiza e, nese sentido, recordou que está en marcha un ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais, que deixa resoltas as necesidades xudiciais para dúas décadas, e que presta especial atención ás infraestruturas dos partidos xudiciais máis pequenos, coma parte esencial da planta xudicial galega.

Ademais, segundo recordou Alfonso Rueda nos xulgados de Viveiro ven de poñerse en marcha o sistema de videoconferencia, que forma parte do Plan Senda 2014, que establece unha folla de ruta para integrar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no ámbito xudicial, e que permite incorporar e aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar na Administración de Xustiza, no tempo de resposta, na calidade da resposta e na transparencia dos procesos.

Exit mobile version