Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta indica que en Celeiro manterá a Xefatura de Coordinación do Mar para trámites

Nota de prensa:
A XEFATURA DE COORDINACIÓN DA ÁREA DE MAR MANTÉN A SÚA UBICACIÓN EN CELEIRO PARA ATENDER E FACILITAR OS TRÁMITES A TODOS OS USUARIOS DA ZONA

A fusión nunha Consellería das competencias de Medio Rural e do Mar non modifica o funcionamento habitual nin a ubicación do departamento que ven actuando dende hai máis de dúas décadas en Celeiro

Viveiro, 25 de xaneiro de 2012.- A Xefatura de Coordinación da Área de Mar seguirá funcionando en Celeiro mantendo a mesma dotación de persoal e a mesma capacidade de tramitación que xa dispoñía ata o momento. Estas instalacións, que se puxeron en marcha no ano 1990, continuarán atendendo a todos os traballadores e usuarios relacionados co ámbito marítimo-pesqueiro da zona marítima que abrangue a delegación territorial de Lugo, tal e como viñan facendo ata o de agora.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o decreto do novo organigrama da Consellería do Medio Rural e do Mar, logo de ser aprobado no Consello da Xunta do pasado xoves. O documento recolle a existencia de catro xefaturas territoriais de Medio Rural e do Mar -unha por provincia- e, a maiores, tres xefaturas de coordinación específicas da área de Mar, que funcionan nas cidades de Vigo, A Coruña e Celeiro.

Estas tres xefaturas territoriais coordinarán as materias que sexan competencia da Secretaría Xeral do Mar, a través de dous servizos, o de Recursos Mariños, por unha banda, e o de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, por outra.

Ao primeiro correspóndelle a tramitación dos títulos habilitantes para o exercizo da pesca, marisqueo e acuicultura, así como a tramitación de solicitudes de apertura, anulacións e peche das zonas de traballo solicitadas polas distintas confrarías de pescadores no ámbito dos seus respectivos plans de explotación.

Mentres, o departamento de Recursos Mariños encargarase das axudas con cargo a fondos europeos, da tramitación de procedementos de autorización, construción e modernización, os relativos ao Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma e da inscrición, baixas e modificación de datos no Rexistro de Empresas Halioalimentarias.

Exit mobile version