Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata sempre! Díaz Pardo e Rivera Casás, ata sempre!

Ata sempre!

Díaz Pardo e Rivera Casás, Ata sempre!

Xa vivimos outra semana máis dende o pasamento do ben querido Isaac Díaz Pardo. O pasado xoves, 5 de xaneiro, era un día triste para toda a cidadanía galega que non esquecerá a enorme adicación deste persoeiro polo fomento e impulso da nosa terra. Foron moitas as persoas que lembraron nestes días o traballo e humanidade de Díaz Pardo, como un dos grandes intelectuais do século XX. En nome de tódolos socialistas de Cervo, debo dicir que non temos máis que palabras de gratitude hacia a súa persoa. Lamentamos profundamente o seu pasamento e trasladamos con moito cariño o noso pesar ós seus familiares.

Grazas Isaac polo enorme compromiso que demostrou ter cos veciños de Cervo. Non podemos olvidar que grazas ó impulso da Cerámica de Sargadelos, conseguiu, coma ninguén, dinamizar económica e socialmente o noso pobo. Coa súa fundación, converteu Sargadelos nun referente cultural en toda Galicia, foi promotor incansable da recuperación do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos e levou o nome de Cervo por diante alí a onde fora. Por todo, non podemos facer máis que volverlle a dar as grazas.

Un dos galegos máis comprometidos coa nosa terra finou, o seu talento como artista, escritor, ceramista, diseñador quedará con nós, para sempre, plasmado nos seus traballos. Toda Galicia sente unha gran perda intelectual e humana, pero a súa ligazón coa costa lucense fai que A Mariña lembre con especial agarimo a súa figura así coma el se acordou da nosa bisbarra infinidade de veces. Fillo adoptivo de Cervo, non pode recibir mellor homenaxe que todos continuemos traballando a prol dos proxectos que el mesmo, algún día, comezou.

Trala morte de Isaac Díaz Pardo, Cervo sofre nun prazo moi corto de tempo a perda dos seus fillos adoptivos, pois hai apenas catro meses tamén tivemos que despedir ó mestre Francisco Rivera Casás. Toda unha vida adicada ó ensino e un extraordinario labor a favor das xentes do mar, o que o convertería nun referente inesquecible para tódolos veciños.

Dous homes que desenvolveron ó longo da súa historia un intenso compromiso coas nosas xentes. Estiveron moi presentes nas nosas vidas e ficarán na memoria de todos para sempre.

Lara Méndez

Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cervo

Exit mobile version