Site icon Crónica3.com A Mariña

Causa Galiza denuncia manipulación histórica masiva con motivo da morte de Fraga Iribarne

Nota de prensa

Causa Galiza denuncia manipulación histórica masiva con motivo da morte de Fraga Iribarne

A morte física do estadista español Manuel Fraga Iribarne acaba de desatar unha operación política e mediática de revisionismo histórico que xa se cociñaba nos últimos meses ante a iminencia do seu falecemento. A iniciativa popular pola autodeterminación Causa Galiza, sen derramar un minuto nesta deleznábel figura histórica e política, queremos afirmar, pública e claramente, aquelo que saben miles de galegos e galegas e que, hoxe, moitos dirixentes que se autodefinen como “nacionalistas” ou “de esquerdas” calaron no que é un exercicio máis de complicidade coa ocultación da historia e a negación da nosa memoria colectiva.

1º Fraga Iribarne foi o máximo responsábel político da represión nalgúns dos períodos máis duros do rexime militar que entre 1936 e 1975 asolou o noso País e segou a vida de miles de galegas e galegos. Un rexime que nunca condenou a pesar de que este se iniciara co asasinato de case todos os membros da Comisión do Estatuto de Autonomía de 1936 e rematara co do independentista galego Pepe Reboiras en Ferrol. Un rexime que sementou Galiza de miseria, opresión e emigración.

2º O debe histórico de Fraga Iribarne co noso País non remata em 1975. O ex ministro fascista é, paradoxalmente, un dos elementos chave na voadura controlada da ditadura militar para construir unha democracia a la españolarespectuosa cos alzados en armas de 1936 e obediente aos poderes económicos e militares que hoxe dominan Europa: unidad indivisible de la patria, negación do dereito de autodeterminación, control do Exército sobre o poder civil, propiedade privada dos medios de produción, preminencia da Igrexa Católica aínda explícita nestes días coa recente inxección de millóns de euros do erario público e herdanza da monarquía legada por Francisco Franco.

3º A volta de Manuel Fraga a Galiza no período 1989-2005, despois de ficar apartado da política estatal, será recordada polos galegos e galegas do futuro como un negro período histórico. Desde a administración regional, Fraga Iribarneprocedeu, como “servidor de España” que foi, à deconstrución sistemática e programada da nación. Como bon sipaio, Fraga Iribarne executou o programa de destrución de sectores produtivos estratéxicos acordado por Bruxelas e Madrid e a deterioración das nosas condicións de vida e de traballo; posibilitou as maiores agresións ecolóxicas ao noso territorio, co Prestige como buque insignia destas políticas; agudizou con políticas ad hoc a crise demográfica; acelerou, entre cánticos de galeguismo, o proceso de substitución lingüística; edificou desde as institucións autonómicas un entramado caciquil e empresarial funcional aos intereses españóis e participou activamente na represión de calquer proxecto ou iniciativa nacionalista.

4º Galiza nada debe a Fraga Iribarne. O engano masivo a que estamos submetid@s nas últimas 24 horas, e do que participan PP, PSOE, PCE e incluso, por omisión, a dirección do BNG, en aberta contradición coa opinión e os sentementos de miles de nacionalistas, non é outra cousa que unha expresión máis da vileza política do rexime que nasceu coa Transición Democrática. É falsa a súa condición de demócrata. É falsa a súa condición de galeguista. Lamentamos apenas que Fraga Iribarne non vivise o suficiente para responder penalmente polas súas responsabilidades políticas, aínda que temos a certeza de que, á marxe de manipulacións e falsidades, a historia colocará no seu debido lugar unha personaxe tan nociva para Galiza.

5º Causa Galiza vai seguir traballando para socializar no noso País a necesidade de construirmos un marco de auténtica democracia. Democracia que esixe como condicións indispensábeis o recoñecemento do libre exercicio do dereito de autodeterminación e a superación definitiva dun cadro xurídico-político xestado entre outros por indivíduos como Manuel Fraga Iribarne. Un marco que vulnera o dereito a decidir e, na mellor tradición da imposición, coloca o Exército español como garante último dunha Unidad de España da que a cada día menos galegas e galegos queremos participar.

Exit mobile version